Notas de prensa

Cova Eirós revela a forma de vida dos neardentais no Paleolítico medio en Galicia e dá conta da súa complexidade tecnolóxica e pericia técnica

Os traballos arqueolóxicos e de escavación desenvolvidas ao longo das últimas semanas na Cova Eirós permiten adentrarse no coñecemento dos modos de vida dos grupos de neandertais que durante o Paleolítico medio moraron esta cova radicada na montaña luguesa, e achegan luz sobre as formas de aproveitamento e explotación dos diferentes recursos do territorio.

Os traballos arqueolóxicos e de escavación desenvolvidas ao longo das últimas semanas por membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-ATT) da USC e do Institut de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona na Cova Eirós (Triacastela) permiten adentrarse no coñecemento dos modos de vida dos grupos de neandertais que durante o Paleolítico medio moraron esta cova radicada na montaña luguesa, ao tempo que achegan luz sobre as formas de aproveitamento e explotación dos diferentes recursos do territorio durante un período do que se dispón de moi pouca información en Galicia.

O reitor da USC, Antonio López, salientou na súa visita a Triacastela o alcance e a relevancia das pescudas que está a realizar en Cova Eirós o grupo de investigación liderado polo catedrático da USC Ramón Fábregas Valcarce, ao tempo que puxo de manifesto as novas posibilidades de estudo e a múltiple información que achegan as numerosas pezas e restos líticos e óseos descubertos no marco desta nova campaña de escavacións no xacemento localizado no concello lugués de Triacastela. López lembrou asemade que esta actuación, financiada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e que chega hoxe ao seu remate logo de intensas semanas de traballo, posibilitou tamén afondar en diversos aspectos do coñecemento da cavidade e da súa contorna.

As intervencións arqueolóxicas desta campaña centráronse, segundo indicou Ramón Fábregas, nas ocupacións neandertais localizadas á entrada da cavidade e permitiron escavar toda a extensión do nivel 4, o que concentra a maior densidade de restos da cova e que xa ten proporcionado para a investigación máis de 2.500 obxectos líticos e óseos.

As estancias nas que se centrou esta última actuación correspóndense con campamentos residenciais onde os grupos de neandertais pasaron un tempo prolongado en Cova Eirós e realizaron diversas actividades. A presenza de fogares, ósos queimados e con marcas de corte e percusión identificadas sobre a súa superficie indican que cazaban os animais, entre os que se advirte un predominio de cervos, para logo procesalos dentro do xacemento, tanto para o seu consumo como para o aproveitamento das súas peles, relata o investigador da USC.

Os numerosos restos líticos, con núcleos, lascas e instrumentos retocados, indican que tallaron as súas ferramentas en cuarzos locais, transportados desde as canles próximas. Ademais, as ferramentas de talla Levallois en cuarcita de grao fino dan conta da gran complexidade tecnolóxica destes grupos e a súa pericia técnica, precisa o co director da escavación, Arturo de Lombera. Deste xeito, engade, as intervencións xa desenvolvidas no nivel 4 de Cova Eirós achegan cumprida información para afondar no coñecemento do Paleolítico medio en Galicia.

Alén das actuacións arqueolóxicas, durante a primeira semana desta campaña, o traballo realizado por membros do clube CETRA e Ártabros permitiu levantar a topografía tridimensional da cavidade. Daquela, explica de Lombera, foi posible identificar os puntos de contacto entre as galerías interiores que conforman Cova Eirós e descubrir que ten conexión con outra pequena cavidade veciña, chamada Cova das Cabras.

Esta información, ademais de achegar novos datos sobre o sistema cárstico do monte Penedo, ten un importante valor patrimonial de cara á conservación deste Ben de Interese Cultural, tal e como se puxo de manifesto este luns no marco da visita institucional realizada polo reitor da USC co gallo do remate dos traballos desta campaña de escavacións. A alcaldesa de Triacastela, Olga Díaz; a secretaria Xeral da USC, Dulce García Mella, e a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, tamén formaron parte da comitiva universitaria desprazada ata Cova Eirós. O director facultativo de Canteiras da firma Cosmos, Javier García, e a responsable de Sustentabilidade da empresa, Ana González, estiveron presentes na visita.

Universidade de Santiago de Compostela, 2019-08-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES