//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer as candidaturas finalistas dos seus XXIII Premios Mestre Mateo, así como os detalles da cerimonia de entrega que terá lugar no Concello de Lalín o vindeiro 15 de marzo. A actual edición dos galardóns bateu o récord de candidaturas inscritas, tanto nos apartados de produción, cun total de 199 obras, como de profesionais, con 536 participantes. A categoría de longametraxes mantivo a cifra do ano pasado, con 10 filmes, en tanto que as de programa de televisión, curtametraxe en imaxe real e curtametraxe de animación superaron a marca de aspirantes de toda a historia dos premios.
Do 11 ao 15 de febreiro, o XXIX Festival Internacional de Teatro Universitario da USC abre en Compostela unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas por compañías das contornas galega, estatal e europea. Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición participan as escolas de teatro das Universidades de Castela A Mancha, de Xaén, de Vilnius Gediminas de Lituania e de Beira Interior de Portugal. Esta é unha actividade xa incluída na programación da Primavera Cultural da USC. Todas as representacións desta cita anual organizada desde a Aula de Teatro da USC desenvolveranse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 20.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.00 horas.
No marco da conmemoración do 60 aniversario do nacemento do graffiti contemporáneo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude trae ao Gaiás a Cornbread, artista estadounidense considerado o primeiro grafiteiro contemporáneo e un dos pioneiros deste movemento que transformou a expresión artística e a cultura urbana a nivel mundial. Darryl A. McCray, coñecido internacionalmente por Cornbread, o nome co que enchía as paredes da súa Filadelfia natal nos anos 60, compartirá a súa historia nunha conferencia este mércores 5 de febreiro ás 17,00 horas no Auditorio 1 do Edificio CINC da Cidade da Cultura. Con este evento, o artista inicia unha xira que o levará por centros culturais de toda Europa.
A Filmoteca de Galicia inicia a súa programación en febreiro cunha completa retrospectiva sobre o produtor, guionista e director Pere Portabella, protagonista da nova carteleira mensual na que tamén destacan as visitas de cineastas como Mar Coll, Oskar Alegria e Raúl Alaejos. Durante as vindeiras semanas, a cinemateca exhibirá todas as películas dirixidas polo cineasta catalán, do que no mes de marzo se ofrecerá tamén un amplo percorrido polos seus traballos como produtor. Recentemente distinguido coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, este ciclo preséntase como un anticipo da celebración oficial do Centenario Portabella, que veñen de anunciar o Ministerio de Cultura e a Generalitat de Cataluña para o seu desenvolvemento conxunto nos anos 2026 e 2027.
Nas vitrinas da mostra inclúense desde postais de Nadal que Xosé Vizoso enviaba ás súas amizades ata un busto de Vidal Bolaño que realizou para a carballeira de Santa Minia en Brión, pasando polo mosaico do Bosque do Banquete de Conxo, pezas de cerámica, libros ilustrados, un tarot que realizou xunto con Manuel Aneiros ou carteis de decenas de celebracións populares. Ao longo da exposición, e a través dos distintos carteis de festas populares que realizou, pódese observar a evolución do seu estilo. Cores alegres e trazos aparentemente sinxelos caracterizan a obra deste autor, que acubilla a esencia da cultura galega. A mostra tamén acolle un vídeo realizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.
A Cidade da Cultura acaba de ser elixida como insignia da cultura galega en 2024 polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea, un prestixioso informe elaborado coas valoracións de máis de 400 expertos e profesionais de toda España que mantén a Galicia, repetindo o posto do 2023, como a sexta comunidade pola calidade e innovación da súa oferta. Trátase dun recoñecemento que foi entregado hoxe en Málaga á directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Así, a programación que a Xunta de Galicia desenvolve no Gaiás volve encabezar a listaxe do mellor da cultura galega, ao igual que o fixera en 2023 e 2020, encadeando este equipamento seis anos consecutivos ocupando as tres primeiras posicións do ranking galego.
Foi presentado no Arquivo Histórico Provincial de Ourense un libro que recompila os 100 primeiros números da publicación Fronda, coa que a entidade difunde o seu labor e a importancia dos seus fondos desde o ano 2006. O volume, 100 números de Fronda recolle os exemplares da única publicación deste tipo que existe na actualidade en Galicia e cuxa cronoloxía abrangue material que vai desde a Idade Media á época Contemporánea. Ademais, destaca a colaboración durante estes anos de persoas vencelladas ao ámbito universitario e centros de investigación como o Instituto Padre Sarmiento.
Galicia aumentou a un 66,2 % o seu número de lectores, o que supón 5,7 puntos máis que a porcentaxe rexistrada en 2023 e sitúa os índices de lectura na Comunidade por riba da media estatal. Así o recollen os datos do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2024. Galicia escala da duodécima á sexta posición de Comunidades Autónomas máis lectoras, só superada por Madrid (72,1 %), Euskadi (69,4 %), Cataluña (68,9 %), Navarra (68,2 %), e A Rioxa (67,3 %). Os datos deste estudo revelan índices nunca antes rexistrados.
O espectáculo traslada o público a un edificio teatral totalmente destruído por un bombardeo durante unha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, no que comezan a aparecer personaxes de grandes obras do teatro universal que foran representadas no seu escenario ao longo dos anos. Con esta premisa e a través de innumerables referencias teatrais aos conflitos bélicos, desde Shakespeare ata Lorca, esta traxedia bota man da comedia e a ironía para reflexionar e concienciar arredor dos efectos das guerras ao longo da historia e na actualidade. Sobre esta e outras cuestións xirará, ademais, o coloquio que o equipo do espectáculo manterá cos espectadores ao finalizar a función deste sábado no Teatro Principal.
O espectáculo de teatro inclusivo Nada se sabe, coproducido polo Centro Dramático Galego e Culturactiva, terá este xoves a súa estrea compostelá no Salón Teatro, onde permanecerá ata o 9 de febreiro para ofrecer unha vintena de funcións. As representacións, que terán lugar de mércores a domingo ás 18,00 h., contarán con diferentes sistemas de accesibilidade e con servizo gratuíto de autobuses desde máis de 40 concellos galegos, ademais de se complementar cunha serie de actividades paralelas como posfuncións ou visitas táctiles. Nada se sabe constitúe unha proposta integradora e única no contexto teatral galego tanto polo elenco, integrado por dúas actrices e dous actores con diversidade funcional, como polo tema.
Trátase de 'O próximo baile, será comigo', de Sabela Losada Cortizas; 'Ofuscadas polo vicio da razón', de Yarama África; 'Non calarás', da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; 'Altas luces', de Illa Bufarda; ' A historia vaxenial', de Artyc Content; 'Punto en boca. Costura e teatro', de Raquel García Crespo; 'As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada', do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e 'A clase', de Mala Herba Producións.
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura a súa programación no presente curso cunha mostra na que o artista chileno César Gabler propón unha relectura da produción visual de Luis Seoane, partindo dunha serie de aspectos vinculados ao exilio, as vangardas e a cultura popular. Desenvolvida especificamente para esta sala, Ultramarinos Seoane é a primeira mostra en España deste artista e docente da Universidade de Finis Terrae de Santiago de Chile.
Este mes de outubro, as artes escénicas volven a ser as protagonistas da programación cultural de Ourense e fano da man da celebración do XVII Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO). O evento terá lugar do 16 ao 27 de outubro, principalmente na cidade das Burgas pero tamén en Celanova, e contará con 13 espectáculos de compañías galegas e foráneas. A programación foi presentada este mércores no Teatro Principal de Ourense por parte das entidades organizadoras, colaboradoras e patrocinadoras.
O Colexio de Fonseca acubilla ata o 16 de novembro a exposición 'Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África', que recupera a memoria de 23 mulleres 'extraordinarias, emprendedoras, valientes e protagonistas en moitos casos de éxitos internacionais', explicou o profesor de Historia da Música da USC Javier Garbayo na inauguración deste venres, que estivo presidida pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, que puxo de relevo o carácter científico do proxecto
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) continúa cos actos de homenaxe ao matemático José Rodríguez, Científico Galego 2024. Esta mañá presentouse na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago o libro 'José Rodríguez González (1770-1824). Un matemático sublime'. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital deste persoeiro ilustre.
Un total de 3.334 lucenses participaron na XLVI Semana de Cine de Lugo, tanto nas proxeccións nas cinco sedes do Festival, en Aspnais ou nos Centros Penitenciarios de Monterroso, Bonxe e Teixeiro, como nas actividades especiais organizadas con motivo da Semana. A maior parte dos participantes acudiron ao Auditorio, onde se contabilizan 1.509 persoas nas seccións Oficial, infantil e O mellor do ano.
Entre o 20 e o 28 de setembro, o Galician Freaky Film Festival convertiuse en Vigo St., grazas á celebración do VIII Galician Freaky Film Festival, o festival internacional de cinema freak e fantástico de Galicia. Seis día de proxeccións e actividades paralelas culminaron coa entrega de premios, na que se coñeceron os gañadores dos Dinosetos decapitados, que este ano eran prateados e con ollos vermellos, emulando ao T800 de Terminator.
A Universidade de Santiago de Compostela mantén unha liña de colaboración activa co festival de curtas Curtocircuíto que lle permite acoller nas súas instalacións diversas actividades abertas ao público en xeral e todas gratuítas, ademais de fornecer o festival de 25 estudantes voluntarios e voluntarias que terán a oportunidade de coñecer como funciona desde dentro un certame destas características e dar aloxamento nunha das súas residencias universitarias á fotógrafa Rocío Madrid.
Achegar a música clásica á comunidade universitaria e á cidadanía próxima aos tres campus da Universidade constitúe, como sinala a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, o obxectivo de A Clásica na UVigo: Ciclo de Cámara nos Campus, que nas próximas semanas levará a Pontevedra, Ourense e Vigo o Dúo Fuchs, integrado polo violinista Mauro José Mariño e a violinista e violista Jennifer Gómez.
Desde especialistas en historia da arte ou literatura, a expertos en manga e anime, o cómic e a animación xaponesas, pasando por académicas e académicos especializados en arquitectura, turismo ou política internacional. Un total de 72 investigadores participan en Pontevedra no XVI Congreso nacional e VII Congreso internacional da Asociación de Estudios Japoneses en España, que se desenvolve por primeira vez en Galicia da man do grupo de investigación dx5.