Notas de prensa

A imaxe do Xapón reúne na UVigo máis de 70 especialistas de múltiples disciplinas

Desde especialistas en historia da arte ou literatura, a expertos en manga e anime, o cómic e a animación xaponesas, pasando por académicas e académicos especializados en arquitectura, turismo ou política internacional. Un total de 72 investigadores participan en Pontevedra no XVI Congreso nacional e VII Congreso internacional da Asociación de Estudios Japoneses en España, que se desenvolve por primeira vez en Galicia da man do grupo de investigación dx5.

Tres conferencias plenarias e 23 sesións de presentación de comunicacións integran o programa dun evento que pon o foco na importancia da cultura visual do país asiático en múltiples manifestacións artísticas, baixo o título de A imaxe do Xapón e o Xapón da imaxe. Coa Vicerreitoría do campus como sede central, o congreso vese complementado pola exposición Impresos, que presenta 25 xilografías dos séculos XVIII e XIX en diálogo coas creacións de sete artistas contemporáneos.

Como un “congreso puramente transdisciplinar” definiu este evento o investigador do grupo dx5 José Andrés Santiago, nun acto inaugural que contou coas intervencións da directora de área do Campus de Especialización Crea, Ana Belén Fernández Souto; da presidenta da AEJE, Pilar Cabañas, e da subdirectora da Fundación Japón Madrid, Kaho Nakano. “En cada edición, os organizadores imprimen un pouco o espírito do seu grupo de investigación no tema do congreso”, sinalou Santiago, director dun evento que se estenderá ata este venres e que combina a asistencia presencial coa virtual. Pór o foco na cultura visual do Xapón permitía, lembrou, conectar o congreso coa traxectoria do grupo dx5 no ámbito dos estudos sobre manga e anime, así como “animar á participación de novos investigadores” nestes eidos, mais tamén fomentar o “carácter transdisciplinar” deste foro, non só “pola cantidade de participantes de áreas moi diferentes”, senón tamén “polos cruces que se producen, que espertan ideas ou suxiren a posibilidade dunha colaboración”.

Nesa mesma liña, Fernández Souto destacou que esa aposta polo interdisciplinar “encaixa perfectamente” coa proxecto de especialización Campus Crea, centrado na creatividade. Cabañas, pola súa banda, puxo de relevo os máis de 30 anos de traxectoria dunha asociación que congrega investigadores de diferentes eidos, unidos “pola paixón que sentimos por Xapón e a súa cultura”, aspecto no que tamén incidiu Kakano, que destacou as “contribucións notables, que fomentaron o crecemento dos estudos xaponeses” das e dos integrantes da AEJE.

Tres días de debate arredor do Xapón

A profesora de Cultura Xaponesa na Universidade de Estocolmo Jaqueline Berndt, “unha das voces máis importantes nos estudos de manga e anime”, como salientou Santiago, foi a responsable de impartir a conferencia de apertura dun congreso no que o grupo dx5 buscou contar con especialistas procedentes, “tanto do mundo académico como do profesional”. Con esa idea, contará este xoves cunha conferencia de Marc Bernabé, responsable da tradución de máis dun milleiro de tomos manga, mentres que a conferencia de clausura corresponderá á profesora de Teoría de Animación da Universidade das Artes de Singapur Sheuo Hui Gan.

Ao longo destas tres xornadas preto de 70 investigadores e investigadoras darán a coñecer as súas liñas de traballo, nas máis de 20 sesións de comunicacións. Nelas preséntanse estudos sobre a construción da imaxe do Xapón en occidente, a dixitalización do seu patrimonio cultural, a súa imaxe como destino turístico ou sobre o Camiño de Santiago e as pegrinacións neste país, así como traballos centrados na súa arte, cinema, literatura ou arquitectura. Así mesmo, na xornada do xoves tamén terá lugar un panel temático sobre intelixencia artificial e “ecoloxía mediática no media mix xaponés”.

Unha exposición na que dialogan tradición e contemporaneidade

No marco deste congreso, na tarde deste mércores inaugurase na sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia a mostra Impresos. La imagen de Japón y el Japón de la imagen, que reúne unha selección de 25 gravados mokuhanga, en diálogo coa obra de inspiración xaponesa de sete artistas contemporáneos. Comisariada por Santiago nesta mostra exhíbense unha “selección única” de gravados de once autores dos períodos Edo e Meiji, cedidos por unha colección privada. Concretamente, trátase de estampas dos séculos XVIII e XIX, que a mostra presenta no seu título como “impresos” coa idea de pór de relevo na “dimensión cotiá destas imaxes, non entendidas orixinariamente como obras de arte”, como sinala o seu texto de presentación.

“Por medio de cruces de miradas e temáticas afíns, establécese un diálogo” entre estes 25 gravados e unha selección de obras de sete artistas que “desde diferentes perspectivas”, tanto temáticas ou formais como materiais, “tratan a imaxe do Xapón na súa obra”. Concretamente, a mostra que poderá visitarse ata o 18 de outubro complétase coas pezas de Sabela Alonso, Miguel Cuba, Ángela Estévez, Carlos Fer, Anne Heyvaert, Santi Jiménez e Ana Soler.

Universidade de Vigo (UVigo), 2024-09-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES