
A sede da unidade teatral da Xunta de Galicia acolleu hoxe a presentación do espectáculo, na que interviñeron os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, así como Fran Rei, codirector de Nada se sabe con Ignacio García, e a actriz Corina Alfonso Mañá, en nome do elenco do que forma parte xunto a Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres.
Sutil lembrou que Nada se sabe é unha das coproducións impulsadas polo Centro Dramático Galego en 2024 no marco da programación conmemorativa do seu 40º aniversario e en liña tanto co activo traballo a prol da inclusión que vén desenvolvendo nos últimos anos a compañía pública da Xunta, como coa recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude animou o público a asistir ao espectáculo, que tras a súa estrea o pasado mes de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o seu paso polo Festigual da Coruña, regresa ao lugar onde se desenvolveron parte dos ensaios para compartir unha necesaria reflexión sobre como a sociedade actual aborda e xestiona a diferenza.
Nada se sabe constitúe unha proposta integradora e única no contexto teatral galego tanto polo elenco, integrado por dúas actrices e dous actores con diversidade funcional, como polo tema, que aborda diversas versións da discapacidade no teatro clásico, deténdose na adaptación moderna e sinxela que asina Manuel Lourenzo a partir de Filoctetes, una das traxedias de Sófocles. Súmase igualmente a delicada selección musical, a mestura de linguaxes e a súa formulación como un reto á audiencia para nos cuestionar o que entendemos por discapacidade e por integración.
Para a dirección desta proposta, formaron tándem Ignacio García, ex director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro, experto en pedagoxía teatral e un dos directores de escena máis relevantes a nivel estatal e europeo, e Fran Rei, actor cómico, autor de guións e director teatral, que nos últimos anos vén desenvolvendo con Culturactiva un continuo traballo de integración social a través do teatro.
Xunto con Corina Alfonso Mañá, Rubén Bargiela Sierpes, Alba Chao García e Elvis García Torres nas interpretacións, contaron no seu equipo coas achegas de José Manuel Faro González Coti (escenografía e iluminación), Grupo de Teatro Muxicas ONCE Ourense (voces en off), La Canalla (vestiario e atrezzo), Rosa Moledo (asesoramento lingüístico), Diseñatas - Fundación Igual Arte (imaxe), Rocío Cibes (deseño gráfico e fotografía) e do equipo técnico do Centro Dramático Galego.
Público de máis de 40 concellos
Como en anteriores producións da compañía pública, con Nada se sabe estará operativa a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que nestes momentos xa ten programados 23 buses gratuítos con parada en máis de 40 concellos galegos para facilitarlle o desprazamento a Santiago ao público de toda Galicia.
Para estas representacións no Salón Teatro, habilitáronse diferentes sistemas de accesibilidade para o público, como interpretación en lingua de signos en todos os pases, programa de lectura fácil ou audiodescrición para os espectadores que a soliciten previamente no despacho de billetes e dispoñan de auriculares propios.
Así mesmo, unha hora antes das funcións dos sábados e domingos terá lugar unha visita táctil para aquelas persoas con discapacidade visual que desexen experimentar un percorrido polos elementos físicos do espectáculo, mentres que ao rematar o pase dos venres o público terá a oportunidade de participar nun coloquio co equipo.
Sesión DJ na función de estrea
As persoas que acudan á estrea de mañá poderán gozar, ademais, da sesión que Fran Rey DJ ofrecerá desde o balcón do Salón Teatro ao finalizar a representación do espectáculo. A este primeiro pase da montaxe asistirá un grupo de estudantes da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que esa mesma tarde visitará tamén a nave de servizos técnico do Centro Dramático Galego como parte das actividades do programa formativo CDG Lab que a compañía pública mantén co centro.
As entradas para as funcións do espectáculo poden adquirirse en liña a través da web entradas.ataquilla.com ou no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes de cada pase.
Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée dArt Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.