//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela foi o escenario da presentación da comedia Códice-K, a nova achega escénica que Ainé Producións estreará o venres 24 ás 20,30 h. no Teatro Principal, onde poderá verse tamén o sábado 25 á mesma hora. Tito Asorey e Noemi Rodríguez dirixen esta 'intrahistoria extra oficial' sobre o roubo do Códice Calixtino na catedral compostelá a partir dun texto de Manuel Cortés. As actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel de múltiples personaxes para ofrecer moi diferentes puntos de vista sobre esta historia. Ademais, unha DJ dará cobertura sonora e dramática á súa posta en escena.
A organización do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso anunciou hoxe o cartel da súa 16ª edición, que se celebrará do 5 ao 14 de maio en diferentes espazos dos concellos de Ourense, Cea e Nogueira de Ramuín. Así, o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, acollerá o 7 de maio a actuación de Fabio Álvarez, mentres que o de Santa María de Oseira, en Cea, será o escenario para o recital de peche o 14 de maio a cargo do cuarteto vocal The Orlando Consort, procedente de Reino Unido.
A MICE, que terá lugar do 15 ao 21 de marzo, pon o foco no cine de contido antropolóxico e no seu papel como ferramenta documental e pedagóxica. Nesta edición, o concepto de rururbanía como intersección entre o rural e o urbano será o eixe temático de toda a programación, desde as seccións competitivas Galicia e Internacional con Santiago Teijelo, Sara Traba, Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez como representantes galegos, ata os apartados paralelos Trazas, Lindes e Impropias, pasando polas accións formativas e o resto das actividades do festival.
Foi convocada a XIII edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura EAN que, co obxectivo de apoiar o talento emerxente, ofrece a 40 novas figuras da creación contemporánea a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que presentar o seu proxecto creativo persoal e compartir coñecementos e aprendizaxes con outros artistas noveis, e tamén consolidados nomes do panorama contemporáneo. O EAN13 estará novamente dirixido por Rafael Doctor, un dos máis recoñecidos nomes da xestión cultural e a arte contemporánea en España cunha dilatada traxectoria como comisario de exposicións, que coordina o Encontro de Artistas Novos desde a súa primeira edición.
Os comisarios da exposición, Antón Reixa e Xosé Luís García Canido, e o equipo técnico da Cidade da Cultura desenvolveron os traballos de colocación da peza na que será o seu fogar temporal ata o vindeiro 11 de xuño. As tarefas foron supervisadas a través de videoconferancia pola arquivista e xefa adxunta de Arquivos da Literaturarchiv Salzburg, Lina María Zangerl. Stefan Zweig (Viena, 1881 Petrópolis, Brasil, 1942) foi un escritor enormemente popular, tanto na súa faceta de ensaísta e biógrafo como na de novelista, converténdose en maxistral testemuña e cronista da desintegración europea do século XX e nun dos narradores máis lidos e queridos por crítica e público.
A Filmoteca de Galicia conmemora o Día da Muller durante todo o mes de marzo cunha carteleira eminentemente feminina, na que 35 das 42 sesións programadas ofrecen traballos de directoras a través de tres novos especiais sobre Márta Mészáros, Kinuyo Tanaka e Helena Wittmann, así como do regreso do ciclo Olladas de muller, que como cada ano organizan conxuntamente a cinemateca da Xunta e o Consello da Cultura Galega. Esta programación arrancou xa onte na Sala José Sellier da Coruña coa proxección de A rapariga, de Márta Mészáros, que poderá verse tamén hoxe xoves ás 18,00 h. Esta será a primeira das 12 películas da directora húngara incluídas nesta retrospectiva, que se estenderá ata o vindeiro mes de abril.
En total, preto de 700 persoas entre alumnado, profesorado e coordinadoras e coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega déronse cita no Gaiás para intercambiar experiencias e compartir unha tarde chea de actividades como teatro, baile, rap, desfile de moda, xogos etc. Animados polos xornalistas Carlos Amado e Esther Estévez, os representantes dos 12 centros participantes subiron por quendas ao escenario para interpretar ante os demais os seus respectivos espectáculos, que se intercalaron coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, de Noia, que realizou tres shows: de freestyle football, de beatbox e de breaking.
A exposición, que poderá visitarse ata o 31 de maio, súmase ás iniciativas postas en marcha este ano para conmemorar o 50 aniversario da morte do pintor malegueño. De feito, a Fundación Camilo José Cela consta cun valioso legado de Picasso entre os seus fondos das que cede seis pezas para 'Picasso. Branco no recordo azul', a exposición que reivindicará a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas.
O CGAC celebrará o seu 30 aniversario cun amplo programa composto por medio centenar de actividades, unha proposta que da proba da importancia deste museo no sector cultural. Ao longo das últimas décadas este museo tense consagrado como un dos centros artísticos de referencia en Galicia e un dos seus principais axentes culturais, ofrecendo programas expositivos extraordinarios con gran variedade de formatos, voces innovadoras e creadores de vangarda. Desde a súa inauguración, o CGAC converteuse nunha fiestra para ver o mundo e a arte desde Galicia adiantándose ás tendencias plásticas e culturais que se acabarían impoñendo no sector creativo sen deixar de lado as sensibilidades artísticas do momento.
Tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura a presentación da programación das Letras Galegas 2023, que chegan á súa 60 edición rendéndolle homenaxe ao tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego. Unha decisión da Real Academia Galega que, segundo o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, 'é un acto de xustiza', pois foi precisamente Del Riego quen, xunto con Gómez Román e Ferro Couselo, 'impulsou a iniciativa para establecer unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos e a todas os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e a ampliar o noso horizonte intelectual'.
Do 1 ao 22 de febreiro, celebrarase no Paraninfo da Universidade o IV Ciclo Novos Talentos Musicais, unha actividade desenvolvida pola Asociación Compostela Sound e a Universidade de Santiago de Compostela para a promoción de intérpretes menores de 31 anos, que teñan orixe galega, residan en Galicia ou cursen estudos nalgúns dos centros de música desta comunidade.
Esta obra, que ten como finalidade contextualizar e dar a coñecer dunha maneira divulgativa os feitos que decorreron na fortaleza de Caldaloba ou Vilaxoán e que supuxeron a fin da existencia efectiva do Reino de Galiza, insírese nunha serie de accións e actividades que veñen desenvolvendo máis de vinte entidades da Terra Chá e concellos limítrofes, sob a lenda Caldaloba.
O pasado mes de outubro, a sala de exposicións do campus de Pontevedra iniciaba unha nova etapa baixo o nome de Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes, que se inauguraba cunha exposición dedicada a este pintor e docente falecido en 2017. Baixo o título de 'Manuel Moldes. Vieiros na memoria', este proxecto expositivo complétase coa publicación dun catálogo que afonda na obra e na vida do artista.
Das consecuencias dos vertidos tóxicos, á presión social ligada aos canons estéticos, pasando polo que implica un proceso de transición de xénero. Estas son algunhas das temáticas que centran as proxeccións incluídas na programación de Docs del Mes, un ciclo de cinema documental que se desenvolve de xeito paralelo en preto de 70 de cidades de toda España e que a UVigo impulsa en Pontevedra.
'Los frágiles secretos de su mente' é o título, o motivo e O fío condutor da exposición que a alumna da UVigo Pilar Casas promoveu na Fundación RAC como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano Xosé Manuel Buxán. As obras dos estudantes Ruth Vidal, Sergio Vidal, Mateo Barcia e Pepe Eiras e das egresadas Lara e Noa Castro reúnense nesta exposición efémera.
Este curso académico a Sala Alterarte arrancou unha nova etapa na que Xosé Manuel Buxán deu paso na súa coordinación á comisaria Sara Donoso. Ela é a encargada neste 2021/2022 de guiar a súa programación e desenvolver un proxecto expositivo propio que arrancou coa mostra 'Formas e tránsitos', da artista Isabel Flores, e que continuará con propostas creativas de Basilisa Fiestras, Mónica Mura e Mar Ramón Soriano.
Ata o vindeiro 22 de xaneiro, poderá visitarse a mostra A Minerva Compostelá. As súas glorias que recolle parte da historia da USC recreando espazos do pasado. En concreto, pode accederse á exposición situada no Colexio de Fonseca, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, de luns a sábado. Así, a antiga biblioteca evócase no denominado Salón Artesoado, cos 22 retratos que a adornaban orixinalmente no ano 1882.
Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, a de Pablo Iglesias Posse en Ourense ou de Manuel Antonio en Rianxo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.
'Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño' exhíbese en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os cinco restantes como salas de exhibición. Participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas.
'Copérnico é un dos autores que máis influíu no devir da ciencia e resultaba abondo sorprendente non dispoñer dunha versión en galego da súa obra'. A esta situación foi a que lle puxeron solución os profesores da UVigo Nicanor Alonso e Miguel Mirás e o poeta e profesor de educación secundaria Raúl Gómez Pato, autores de 'O libro que ninguén puido ler', primeira tradución ao galego da obra de Nicolás Copérnico 'Sobre a revolución dos orbes celestes', publicado en latín no 1543.