
Serán cinco os concertos ofrecidos nesta edición, posposta a 2022 por mor da situación sanitaria derivada da pandemia, na que poderemos escoitar obras de diferentes estilos interpretadas por talentos emerxentes do piano, o saxofón, o violín, o fagot e o clarinete.
O primeiro dos concertos terá lugar o martes, 1 de febreiro ás 20.30 horas. Nel, o pianista Yuri Durán Castro interpretará a Sonata Nº23, Op. 57 Appasionata, de Ludwig van Beethoven, e o violinista Andrés Fernández de la Peña tocará a Sonata para violín y piano Nº3, Op.108 de Johannes Brahms, con acompañamento ao piano de Daniel Carmona.
O ciclo continuará o luns, 14 de febreiro, cun programa que inclúe composicións de Jacques Ibert, Florent Schmitt e Lars Erik Larsson, interpretadas ao saxofón por Ana Rivas Gestal e Andrea González Pérez. Ambas contarán con acompañamento ao piano de Brais González Pérez.
Na mesma semana terá lugar o terceiro dos recitais. O martes 15 de febreiro, a violinista Uxía Gómez Medal interpretará o Concerto para violín e orquestra Nº1, Op.26 de Max Bruch, co acompañamento ao piano de Haruna Tabeke. A seguir, o fagotista Esteban García Vidal tocará o Concerto en mi menor para fagot e orquestra de Antonio Vivaldi e a Romanza para fagot e piano de Edward Elgar. Contará con acompañamento ao piano de Álvaro Blanco Seoane.
Os dous últimos concertos do ciclo serán o luns 21 e martes 22 de febreiro. No primeiro deles soarán o Concerto para clarinete e orquestra en LA Maior, KV 622 de Wolfgang Amadeus Mozart e As pezas de Fantasía op. 43 para clarinete e piano de Niels Gade, que serán interpretadas polo clarinetista Xoel Agustín López Méndez acompañado ao piano por Brais González Pérez.
O conxunto de saxofóns Meraki Quartet será o encargado de pechar o ciclo. Andrea González Pérez, Noelia Fraga Rivera, Alicia Caride Posada e Sergio Piñeiro Martínez executarán a Suite Holberg de Edward Grieg e o Cuarteto de corda Nº12 Americano de Antonin Dvořák.
Todos os concertos son de balde previa a reserva de praza nos formularios habituados na web da Área de Cultura da USC. O prazo para formalizar a reserva en cada un dos recitais ábrese unha semana antes da súa celebración e conclúe o propio día do evento.
Xa no mes de marzo, a promoción de figuras emerxentes da interpretación musical continuará coa celebración do V Ciclo de Novos Talentos Musicais. Daquela poderanse escoitar composicións para piano, frauta, óboe, trompeta e violín executadas polas persoas seleccionadas o pasado 22 de xaneiro para participar nesta nova edición.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.