
Nela, o autor avoga por unha idea naquel intre absolutamente revolucionaria: o modelo heliocéntrico do universo, coa Terra xirando ao redor do Sol, fronte ao xeocéntrico co Sol xirando a redor da Terra- imperante ata daquela.
Editado polo Servizo de Publicacións da Uvigo, O libro que ninguén puido ler permite achegar na súa propia lingua á sociedade galega un dos textos científicos máis relevantes da historia. Trátase dun conxunto de textos científicos cos que Copérnico sabía que abriría a caixa de Pandora, polo que dubidou moito antes de dalos a coñecer, facéndoo finalmente en 1543. O primeiro exemplar chegou ás súas mans o 24 de maio dese mesmo ano, estando el xa no seu leito de morte, a salvo de represalias. O texto non tardou en pasar a formar parte da lista de libros prohibidos pola Igrexa Católica, pero, co tempo, non se puido evitar que outros tomasen a testemuña, sufrindo por iso duros castigos: Giordano Bruno morrerá na fogueira, e Galileo Galilei deberá abxurar en público desta idea.
En homenaxe a estes continuadores das ideas de Copérnico, a obra inclúe a tradución ao galego da sentenza que condenou a Galileo en 1633 e a abxuración que se viu obrigado a pronunciar para salvar a vida, documentos de grande interese histórico, tal e como destacan os autores. Ademais na obra presentamos un estudo polo miúdo do texto, explicando os seus aspectos matemáticos e incorporando datos relevantes sobre o contexto histórico, salienta Alonso, quen recalca o feito de que, precisamente por este motivo, a obra pode interesar tanto aos que se acheguen a el como curiosidade científica como histórica.
Ciencia e humanidades, lonxe de ser antagónicas son complementarias
A tradución fíxose directamente ao galego dende a versión orixinal en latín grazas ao profesor Raúl G. Pato. A necesidade da tradución estaba clara e contabamos co apoio da Universidade a través do Servizo de Publicacións, pero nós somos docentes de Matemáticas e o texto orixinal a traducir, de 1543, estaba en latín, explican os docentes da UVigo. E aí tiveron a inmensa fortuna de atopar ao profesor Raúl Gómez Pato, a quen non coñecían, pero que dende o primeiro momento se comprometeu a axudalos. El foi o encargado de traducir o texto directamente ao galego dende o latín. Honradamente, este libro non tería visto a luz de non ser pola súa intervención. Foi a nosa primeira colaboración, e oxalá non sexa a última, pois o contacto entre docentes da Universidade e de centros de ensino medio é moi beneficioso para todos, recalca Alonso, recalcando a idea de que o libro é un exemplo de colaboración entre o ensino universitario e o secundario, ademais de pór de manifesto que as Humanidades e a Ciencia, lonxe de ser antagónicas, son complementarias.
Matemáticos comprometidos coa divulgación científica en galego
Esta non é, nin moito menos, a primeira obra divulgativa realizada de xeito conxunto polos docentes Nicolás Alonso e Miguel Mirás. Ás súas costas contan xa con traballos como a tradución do libro Arenarius de Arquímedes, considerado o primeiro texto de divulgación científica da historia, e o libro Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en matemáticas, o único texto a nivel mundial que amosa a historia da ciencia numérica acompañada de anécdotas, problemas clásicos e crebacabezas.
Na nosa opinión o galego goza dunha produción literaria dun nivel excelente, cun abano importante de autoras e autores que proporcionan unha literatura variada e de calidade, pero por desgraza non se pode dicir o mesmo no campo científico, salienta Alonso, quen considera que neste eido hai dúas tarefas pendentes: a divulgación científica, por unha banda, e a tradución de textos científicos, pola outra. A nosa intención nestes últimos anos é paliar no posible este baleiro e desta volta tocou actuar traballando no segundo dos apartados, salientan os autores, ao que engaden que tamén se trata de desbotar de vez a idea de que a nosa lingua non é útil para facer ou falar de ciencia. Se persoas da talla de Copérnico falan galego, que persoa culta pode negarse a facelo?.
As persoas interesadas en mercar este libro poden consultar os puntos de venda na web do Servizo de Publicacións.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.