
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a exposición Picasso vivo. O legado picassiano de Camilo José Cela, a nova mostra coa que a Xunta repasa a historia de amizade que viviron Cela e Picasso a través dunha colección de máis de 40 pezas entre documentos, textos, obras de arte e distintos utensilios que se agasallaron entre eles.
Trátase, en palabras do titular de Cultura da Xunta, dunha retrospectiva que achega unha visión pouco habitual da gran creatividade dos dous autores e unha oportunidade de coñecer as intimidades que ambos compartían. Son un total de 41 pezas que Picasso deseñou con Cela ou para Cela, entre documentos, edicións, pinturas, textos, obras de arte, fotografías ou distintos utensilios que se agasallaron entre eles como unha botella de anís asinada polo pintor, que proceden dos fondos da fundación.
En concreto, inclúense distintas obras autoría de Picasso coa colaboración de Camilo José Cela como Dibujos y escritos, algúns obxectos que se conservan da obra de Cela relacionada con Picasso, así como as primeiras probas e manuscritos de Gavilla de fábulas sin amor, que se acompañaron na edición impresa con 32 debuxos orixinais de Picasso, tres dos cales se conservan na pinacoteca da Fundación. No acto de inauguración tamén estiveron presentes varios alumnos de 5ª de Primaria do colexio CEIP Plurilingüe de Portonovo que participaron nunha visita guiada á Fundación.
Programación conmemorativa
A exposición, que poderá visitarse ata o 31 de maio, súmase ás iniciativas que pon en marcha a Xunta este ano para conmemorar o 50 aniversario da morte do pintor malegueño. De feito, a Fundación Camilo José Cela consta cun valioso legado de Picasso entre os seus fondos das que cede seis pezas para Picasso. Branco no recordo azul, a gran exposición coa que a Xunta reivindicará no Museo de Belas Artes da Coruña a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración.
Trátase da única proposta galega que se enmarca na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023, impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, que conta con Telefónica como empresa colaboradora do programa en España.
Entre as pezas que cede en préstamo a Fundación para a mostra no Museo de Belas Artes da Coruña inclúense 3 cadros de Picasso, unha fotografía, exemplares de Trozo de piel, con texto do pintor malagueño e ilustracións de Camilo José Cela.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.