Noticias

A filmoteca de Galicia celebra durante todo marzo o Día da Muller con 35 sesións de dirección feminina

A Filmoteca de Galicia conmemora o Día da Muller durante todo o mes de marzo cunha carteleira eminentemente feminina, na que 35 das 42 sesións programadas ofrecen traballos de directoras a través de tres novos especiais sobre Márta Mészáros, Kinuyo Tanaka e Helena Wittmann, así como do regreso do ciclo Olladas de muller, que como cada ano organizan conxuntamente a cinemateca da Xunta e o Consello da Cultura Galega. Esta programación arrancou xa onte na Sala José Sellier da Coruña coa proxección de A rapariga, de Márta Mészáros, que poderá verse tamén hoxe xoves ás 18,00 h. Esta será a primeira das 12 películas da directora húngara incluídas nesta retrospectiva, que se estenderá ata o vindeiro mes de abril.

Mészáros foi a primeira muller en gañar o Oso de Ouro na Berlinale co seu filme Adopción (1973), tamén incluído na carteleira os días 14 e 15. Como sucedeu con outros moitos cineastas da Europa do Leste, a directora húngara gozou dun indubidable prestixio internacional ata finais dos setenta, que deu paso a un maioritario esquecemento pese a que moitas das súas películas posteriores son coproducións europeas. É o caso, por exemplo, de Las herederas (día 28 e 29), protagonizada por Isabelle Huppert.

Na sede da cinemateca galega exhibiranse tamén este mes outras seis das súas longametraxes : Vínculos (días 3 e 4), ¡No lloréis, preciosas! (7 e 8), Desaparición (9 e 10), Nove meses (16 e 17), Dos mujeres (22 e 23) e Como en casa (24 e 25).

Protagonistas diante e detrás das cámaras

Tamén esta semana arranca unha nova entrega do ciclo anual Olladas de muller, co que a Filmoteca de Galicia e o Consello da Cultura Galega celebran o 8 de marzo mediante a proxección de diferentes traballos audiovisuais protagonizados por mulleres, tanto diante como detrás das cámaras. Desta volta, o programa estrutúrase en 10 sesións, a maioría delas compostas por unha longametraxe xunto a unha curta de autoría galega.

A película Brainwashed, de Nina Menkes, inaugura o venres esta nova edición de Olladas de muller trazando un panorama histórico sobre a ollada masculina no cine clásico de Hollywood. Entre os filmes seleccionados atópanse, así mesmo, Los años de Súper 8, dirixida pola premio Nobel Annie Ernaux (día 8), La amiga de mi amiga, de Zaida Carmona (día 10), ou El techo amarillo, de Isabel Coixet (día 21).

Ademais do filme de Ernaux, o ciclo ofrece outros traballos sobre o papel das mulleres na literatura (Karen, de María Pérez, o día 9 e A poeta analfabeta, de Sonia Méndez, o día 24), na pintura (Lolita Díaz Valiño, de Rosario Sarmiento e Xurxo Lobato, o día 14 e La visita y un jardín secreto, de Irene M. Borrego, ambas o día 14) ou na política (A revolución (é) probable, de María Ruido, Paula Barreiro e Lee Douglas o día 8 e Margarita Ledo. Parolar cun eu, de Xisela Franco o día 9).

A presenza de creadoras galegas é tamén unha das características de Olladas de muller, con pezas de Alicia López, Carla Andrade, Cora Peña, Lucía Estévez, Adriana Páramo ou Diana Toucedo, ademais das xa mencionadas Xisela Franco, Sonia Méndez, María Ruido, Paula Barreiro e Rosa Sarmiento.

A faceta como realizadora da mítica actriz xaponesa Kinuyo Tanaka centra outra das retrospectivas que dá comezo en marzo e se estenderá ata primeiros de maio. Ofreceranse seis dos títulos filmados entre 1953 e 1962 por Tanaka, quen foi a segunda muller en dirixir películas no seu país. Este mes poderanse ver na Coruña Love letter (días 22 e 23) e Eternal Breast (días 28 e 29).

Visita de Helena Wittmann

A Filmoteca de Galicia programará tamén tres sesións dedicadas á directora alemá Helena Wittmann con ocasión da preestrea en España da súa segunda longa, Human Flowers of Flesh. A propia Wittmann desprazarase ata A Coruña para presentar o seu filme o día 17, así como a sesión do día 18 con dúas curtas de Jean Epstein e Nina Menkes que gardan relación coa súa película. O especial complétase o día 21 coas súas pezas Wildnis, DRIFT e Ada Kaleh.

A programación de marzo inclúe, así mesmo, dous novos títulos do ciclo de Abbas Kiarostami (El sabor de las cerezas, que foi Palma de Ouro en Cannes, e El viento que nos llevará) e as novas proxeccións das seccións Filmoteca Jr. co filme de animación Dónde está Anne Frank e Fóra de serie con Delante de ti, do aclamado Hong Sang-soo.

R., 2023-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES