//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A actividade central da conmemoración, que se desenvolve no Hostal dos Reis Católicos, consiste na lectura de poemas. Autoridades e figuras destacadas da esfera cultural como o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, dan voz a Tecín soia, ao prólogo de Follas Novas ou a Máis o que ben quixo un día, entre outros textos da autora. Pecha o acto a actuación dos Carapaus, acompañados das alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago, Estela Pereira ao piano e Lía Ferrer ao violonchelo.
Os actos oficiais estarán repartidos entre Santiago e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada. A celebración comezará ás 10,00 h coa lectura de poemas por parte do alumnado do Instituto Camilo José Cela diante da Estatua de Rosalía, en Padrón. De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11,00h haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai 186 anos. O acto central do día terá lugar ás 12,00 h no Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, que tocarán con Estela Pereira e Lía Ferrer.
A Cidade da Cultura vén de presentar o programa de Residencias Artísticas do Gaiás, REGA23, que prestará apoio ao desenvolvemento dunha vintena de novas propostas de vangarda aproveitando os seus espazos e recursos técnicos. Nesta edición, as residencias reforzan os seus vínculos con entidades galegas que traballan no ámbito da cultura e con organizacións e artistas de América Latina e da lusofonía. Coa mira posta en situar o Gaiás como centro de referencia para a creación contemporánea, o programa REGA mantén o seu carácter diverso e multidisciplinar á vez que se abre ao diálogo e ao intercambio internacional.
Redrum Teatro estrea a vindeira semana en Santiago de Compostela o seu décimo sexto espectáculo, Hamelin, que representará o xoves 23 e o venres 24 dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Principal. Así o explicou o director de AGADIC, Jacobo Sutil, na presentación destas representacións públicas de Hamelin, dirixida por Alex Sampayo a partir da premiada obra de Juan Mayorga, quen ten confirmada a súa asistencia á función do día 24. Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu conforman o elenco.
O concurso está dividido en tres categorías: dúas delas para a web (A e B) e unha exclusiva para Instagram (C). As mensaxes presentadas en todas as modalidades poderán enviarse ata o 17 de marzo e deberán estar escritas en lingua galega, ben en prosa ou ben en verso. Nas categorías A e B particípase a través da páxina do concurso mediante un formulario de inscrición. A primeira delas é para a rapazada de 14 a 19 anos, mentres que a segunda abrangue o tramo de idade dos 20 aos 35.
'Picasso, branco no recordo azul' reivindica a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración. Trátase dunha mostra que se enmarca na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora.
A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle ao público dunha decena de localidades galegas a súa nova programación, configurada por 83 concertos de moi variados estilos que terán lugar ata finais de setembro en 11 salas: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), Sala La Room (Ferrol), Pub Gatos (Melide), Guión Clube (Pontedeume) e Borriquita de Belém e Casa das Crechas (Santiago de Compostela), na da Coruña; o Club Clavicémbalo da capital lucense, na de Lugo; Cafe Cultural Auriense (Ourense) e A Arca da Noe (Vilar de Santos), na de Ourense; e Sala Krazzy Kray (Cambados) e La Fábrica de Chocolate Club (Vigo), na de Pontevedra.
Os 12 museos públicos galegos ofrecerán un total de 68 exposicións, despois de vivir un gran 2022, ao recuperar niveis de visitantes previos á pandemia -con preto de 400.000- e triplicar as cifras de 2009. O calendario de actividades conta con propostas ao redor de grandes artistas e que, ademais de exposicións, haberá iniciativas que situarán a Galicia no mapa de importantes efemérides culturais nacionais e internacionais, en referencia a citas como o Ano Picasso, os aniversarios do CGAC e o Museo de Viladonga, os centenarios do poeta Carlos Oroza e do Seminario de Estudos galegos e o 50 aniversario do pasamento de Urbano Lugrís, entre outras.
A 9ª edición do festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxeará a Rosalía de Castro nas localidades de Braga (Portugal), Ponteareas e Santiago de Compostela a través da música, da danza, do teatro, do cine, dos faladoiros, da poesía, das exposicións e das visitas guiadas. Como cada ano, este certame cultural programa unha serie de actividades arredor da data de nacemento e de pasamento de Rosalía de Castro e do cantautor portugués José Afonso (Zeca Afonso), respectivamente, estreitando os lazos que unen Portugal e Galicia.
Trátase dos filmes 'Matria', de Álvaro Gago, 'Sica', de Carla Subirana, e 'Samsara', de Lois Patiño, cuxa promoción na mostra será reforzada cun acto especial arredor do cinema galego baixo a marca Films from Galicia. De feito, Galicia acapara tres das catro longametraxes de produción exclusiva española que están presentes no prestixioso festival. 'Galicia está a experimentar unha particular idade de ouro no audiovisual, con grandísimos profesionais en todos os eidos e indicadores como ter por primeira vez tres filmes representados na Berlinale nos falan deste bo momento', segundo expresou o titular de Cultura da Xunta.
Unha reflexión sobre os principais elementos definitorios da modernidade e a súa estética, que afonda nas obras e traxectorias dalgunhas das súas figuras de referencia, pero que o fai desde percorridos alternativos. Isto é o que Alberto Ruiz de Samaniego propón no seu libro 'Pintores de la vida moderna', que compila 21 ensaios centrados en autores como Edgar Allan Poe ou Marcel Proust.
Comeza cedo no ano a programación poética do Concello da Coruña. Este luns 3 de xaneiro ten lugar o primeiro recital de 2022, dentro da 13ª edición anual de POETAS DI(N)VERSOS. O ciclo de recitais poéticos, fundado e dirixido por Yolanda Castaño, ten lugar en día luns, unha vez ao mes no Centro Ágora da Coruña, e reúne un/ha poeta en galego xunta outro/a do resto do mundo.
A Xunta conmemorará en 2022 o 20 aniversario do pasamento de Camilo José Cela, unha celebración que difundirá o legado do Premio Nobel e da casa-museo de Iria Flavia como centro cultural de referencia. Así se acordou na xuntanza do Padroado da Fundación Cela, presidida polo conselleiro de Cultura.
Tivo lugar a entrega dos premios aos gañadores do X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo. O galardón desta edición, na que participaron preto de 100 orixinais, foi para Lupe Gómez polo seu traballo 'Muiñeira da Pinguela'. 'O mapa do pintor', de Xurxo Alonso, e 'Os amantes', de Miriam Ferradáns, conseguiron o segundo e o terceiro premio.
O Maratón Fotográfico rende unha homenaxe a Carlos Valcárcel, un dos grandes valedores deste certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, cuxos organizadores aproveitaron a entrega de premios e apertura da mostra das imaxes presentadas a concurso na Biblioteca Provincial de Lugo para facer unha emotiva semblanza do fotógrafo lugués recentemente finado.
'Sempre digo que son profesora, porque esa vocación vén da miña confianza no poder da educación e do coñecemento, os trazos da miña vida. Fíxenme investigadora para saber máis e poder transmitilo, a educación deume satisfaccións impagables'. Así se definiu a catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa da USC, Rosario Álvarez, ao recoller o premio Otero Pedrayo que este ano organiza a Deputación de Pontevedra.
Ao longo deste 2021 o proxecto arqueolóxico de Armea, nado en 2011 no marco da colaboración entre o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo e o Concello de Allariz, celebrou unha década de existencia. Para facer balance do traballo realizado e do seu impacto, vén de publicarse o libro 'Armea, 10 anos de actuación sobre o patrimonio cultural como motor de desenvolvemento rural'.
O espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, NORMAL, despide este ano cunha ampla e diversa proposta cultural iniciada coas artes performativas que onte levou á sala a N+, de Masako Hattori, e continuará hoxe con CIAN, de Cris Vilariño, ás 20:00 horas. O luns, 20 de decembro, tamén ás 20:00 horas, actuará o Coro da UDC co concerto de Nadal.
'Liberar a música dos espazos de escoita convencionais'. Esta é a proposta de 'Vertixe 9. En paralelo', un programa de intervencións, obradoiros, conferencias e concertos que dan continuidade á novena edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea e que se desenvolven nestes días en diferentes puntos de Pontevedra.
Un Nadal máis, as nenas e nenos de Ourense teñen unha cita coas artes escénicas na Moti, a Mostra de Teatro Infantil de Ourense, que este ano cumpre a súa maioría de idade, 18 anos. A pesar da redución do seu orzamento á metade, o certame consegue volver á palestra con sete espectáculos e nove representacións, de xéneros diversos e para distintos públicos, que se desenvolverán do 27 ao 29 de decembro e o 2 de xaneiro no Teatro Principal e no campus de Ourense.