Notas de prensa

Un percorrido polos piares da modernidade desde os camiños menos transitados

Unha reflexión sobre os principais elementos definitorios da modernidade e a súa estética, que afonda nas obras e traxectorias dalgunhas das súas figuras de referencia, pero que o fai desde “percorridos alternativos”. Isto é o que Alberto Ruiz de Samaniego propón no seu libro 'Pintores de la vida moderna', que compila 21 ensaios centrados en autores como Edgar Allan Poe ou Marcel Proust.

Así, varios dos textos reunidos no volume publicado por Shangrila Ediciones exploran figuras como as de Victor Hugo, Baudelaire ou Kafka, pero non como escritores, senón a través dos seus debuxos, á vez que se achega á faceta de Lewis Carroll como fotógrafo e reflexiona sobre a relación coas bonecas do poeta Rainer Maria Rilke.

Presentado como un “percorrido por unha serie de autores, fundamentalmente do século XIX e XX, que construíron á Modernidade”, trátase dun volume que, recoñece Ruiz de Samaniego, “non aborda a literatura dunha maneira directa”, senón que pon o foco “nas pontes que se establecen” entre o visual e o escrito. Trátase, así mesmo, dun libro que reúne tanto ensaios publicados previamente como textos inéditos e que “ten a intención de ser unha analítica de todo o movemento moderno”. De aí que a súa análise abranga desde “a primeirísima modernidade”, representada por autores como o escritor do Romanticismo Heinrich von Kleist, ata á “tardomodernidade”, a través de figuras como o cineasta Alfred Hitchcock ou o escultor Alberto Giacometti.

A perspectiva “extraterritorial”

“O que caracteriza fundamentalmente a modernidade é que os autores perciben que os signos que utilizan, xa sexan plásticos ou alfabéticos, non son transparentes. Non hai unha relación directa e transitiva entre o signo e a realidade e este convértese nunha especie de fascinante malla para uns, nunha rexa da linguaxe para outros”, salienta Ruiz de Samaniego. Esa “loita do autor cos seus propios signos” é abordada en varios dos ensaios desde unha perspectiva “extraterritorial”, que alude ao termo empregado polo crítico literario George Steiner para falar de autores como Beckett, que non escribían na súa lingua natal. “Moitas das aproximacións que fago a moitos dos valores canónicos da modernidade, fágoas desde unha perspectiva extraterritorial”, salienta o profesor de Estética. “Permíteche abordar as figuras sen facer énfase no evidente e, por outro lado, creo que cando os artistas traballan os dominios extraterritoriais, séntense máis libres. Non están obrigados a responder as expectativas que eles mesmos construíron”, engade. Deste xeito, Ruiz de Samaniego achégase á figura de Baudelaire pondo o foco “nos seus papeis póstumos”, dos que formaban parte unha corentena de debuxos, do mesmo xeito que se detén na faceta de debuxantes de Kafka ou Victor Hugo, “que móstrase moito máis dunha maneira consciente cunha práctica na que non é profesional e que non ten dominada”.

Do mesmo xeito, o ensaio dedicado a Lewis Carroll, autor de Alicia no país das marabillas, detense na súa traxectoria como fotógrafo, mentres que o texto centrado en Von Kleist céntrase reflexións do autor alemán sobre o teatro de marionetas e o dedicado a Balzac afonda na figura do pintor ficticio Frenhofer, protagonista do relato A obra mestra descoñecida.

Do “detective de signos” á estética do nazismo e o estalinismo

No seu conxunto, o libro traza un percorrido por case 200 anos, nese obxectivo de “abordar de principio a fin a era moderna”, o que fai que esa “perspectiva extraterritorial sexa a principal no libro, pero non a única”, recoñece Ruiz de Samaniego. De feito, desta análise sobre a modernidade forman parte tamén cineastas como Jean Epstein e Alfred Hichtcock e fotógrafos como Moholy Nagy, á vez o que é “case o capítulo central do libro trata de ser unha hermenéutica de Sherlock Holmes na súa calidade de investigador de signos”.

Por outra banda, dous dos ensaios do libro están dedicados a Fernando Pessoa, respecto do que Ruiz de Samaniego trata de “indagar na razón de porque estivo continuamente trasladándose de habitación en habitación ao longo da contorna lisboeta”, á vez que explora como o poeta portugués utilizaba “por así dicilo, modelos literarios na súa vida amorosa”, como un exemplo de “como o signos literarios impóñense á vida”. Do mesmo xeito, neste percorrido polos piares da modernidade, Ruiz de Samaniego detense nos ballets rusos de Diaghilev, á vez que dedica dous ensaios á estética do nazismo e do estalinismo, “porque aínda que sexan dúas propostas perversas e desviadas, non deixan de ser dúas propostas sen as que non se entende a modernidade”.

Universidade de Vigo, 2022-01-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES