
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía na entrega dos premios aos gañadores do X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Xunta de Galicia. O galardón desta décima edición, na que participaron preto de 100 orixinais, foi para Lupe Gómez polo seu traballo Muiñeira da Pinguela. O mapa do pintor, de Xurxo Alonso, e Os amantes, de Miriam Ferradáns, conseguiron o segundo e o terceiro premio, respectivamente.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo agradecer unha vez máis á vila de Mondoñedo, berce de figuras das nosas letras como Álvaro Cunqueiro ou Leiras Pulpeiro, o seu compromiso continuo coa cultura e a lingua galegas a través de iniciativas coma esta, que leva unha década premiando e resaltando o xénero poético. O secretario xeral tamén trasladou os parabéns aos premiados ao tempo que os alentou a seguir facendo e desfrutando da poesía en galego.
Participaron no acto, ademais do secretario xeral e os galardoados, María Ángeles Rodríguez, segunda tenente de alcalde e concelleira de Benestar e Facenda de Mondoñedo, e Armando Requeixo, crítico literario e membro do xurado. A entrega estivo precedido dunha recepción oficial no Cemiterio Vello e dunha ofrenda floral ante a tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, poeta mindoniense do século XIX que lle dá nome ao certame.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.