
A Xunta de Galicia conmemora hoxe o 186 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha programación organizada xunto coa Fundación que leva o nome da autora de Cantares gallegos e que arrincou esta mañá no Instituto Camilo José Cela de Padrón cunha lectura de poemas diante da estatua da homenaxeada.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participaron na compostelá praza de Vigo na ofrenda floral á autora, amenizada cunha alborada da man dos Carapaus. Un acto no que Valentín García expresou o seu desexo de que o Día de Rosalía chame a atención de toda a sociedade sobre as causas que defendeu a nosa poeta máis universal, como a da igualdade, a da xustiza, a da cultura e, sobre todo, da lingua de Galicia.
A actividade central da conmemoración, que se desenvolve no Hostal dos Reis Católicos, consiste na lectura de poemas. Autoridades e figuras destacadas da esfera cultural como o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, dan voz a Tecín soia, ao prólogo de Follas Novas ou a Máis o que ben quixo un día, entre outros textos da autora. Pecha o acto a actuación dos Carapaus, acompañados das alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago, Estela Pereira ao piano e Lía Ferrer ao violonchelo.
Actos variados ao longo de toda a xornada
Pola tarde, a Casa de Rosalía acollerá a sétima edición da iniciativa do Caldo de Gloria co chef do asador O Pazo Óscar Vidal. Este caldo, descrito nun texto rosaliano, tamén se tomará na Casa-Museo de Curros Enríquez, en Celanova, e na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso.
Ademais, a Xunta, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, repartiu 46.000 manteis de papel co poema de Rosalía que inspirou esta iniciativa, Miña casiña, meu lar, para que máis de 200 hostaleiros e máis de 70 comedores escolares, así como concellos e empresas de toda a xeografía galega, se sumasen ao Caldo de Gloria. Para rematar as celebracións, a cantante e compositora Belém Tajes ofrecerá unha actuación no auditorio da Casa-Museo ás 20,00 h.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.