
Nesta ocasión as voces convocadas exprésanse en galego e en chinés. Yang Lian e Xavier Queipo son poetas que naceron en lugares ben distintos dos países nos que viviron a meirande parte da súa vida, para rematar por residir noutro espazo distinto. Esa condición expatriada acabou por colarse nunhas miradas ben persoais e dotadas dunha longa bagaxe literaria. Se o primeiro naceu en Suíza, criouse de volta na China e é hoxe cidadán británico, o segundo naceu en Compostela, viviu moitos anos en Bruxelas e reside hoxe en Vigo. Xavier Queipo é tamén tradutor e un reputado narrador, mentres que o internacionalmente multipremiado Yang Lian está considerado unha das voces máis representativas da literatura chinesa.
O acto, aberto e gratuíto para todas as persoas interesadas, aínda que cumprindo estritamente todas as normativas sanitarias, terá lugar ás 20h e unha libraría de proximidade poñerá á venda os títulos dos autores/as convidados. A directora deste ciclo que foi Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural en 2014 conducirá un evento no que lerá as traducións ao galego dos poemas de Yang Lian, preparadas expresamente para a ocasión.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.