Noticias

O cinema galego estará representado por primeira vez con tres películas na Berlinale

Trátase dos filmes 'Matria', de Álvaro Gago, 'Sica', de Carla Subirana, e 'Samsara', de Lois Patiño, cuxa promoción na mostra será reforzada cun acto especial arredor do cinema galego baixo a marca Films from Galicia. De feito, Galicia acapara tres das catro longametraxes de produción exclusiva española que están presentes no prestixioso festival. 'Galicia está a experimentar unha particular idade de ouro no audiovisual, con grandísimos profesionais en todos os eidos e indicadores como ter por primeira vez tres filmes representados na Berlinale nos falan deste bo momento', segundo expresou o titular de Cultura da Xunta.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, recibiu hoxe os representantes dos equipos dos filmes subvencionados pola Xunta Matria, de Álvaro Gago, e Sica, de Carla Subirana, con motivo da súa estrea no prestixioso Festival de Cine de Berlín, onde tamén se presentará Samsara, a nova longametraxe de Lois Patiño. O responsable de Cultura do Goberno galego felicitounos persoalmente “polo gran fito” que supón esta selección e avanzoulles que a súa promoción na mostra será reforzada cun acto especial arredor do cinema galego baixo a marca Films from Galicia.

“Galicia está a experimentar unha particular idade de ouro no audiovisual, con grandísimos profesionais en todos os eidos e indicadores como ter por primeira vez tres filmes representados na Berlinale nos falan deste bo momento, que imos seguir acompañando co Plan Xeración Cultura”, expresou o titular de Cultura da Xunta. De feito, Galicia acapara tres das catro longametraxes de produción exclusiva española que están presentes no prestixioso festival.

Recordou, ademais, o “importante volume de negocio e emprego” que está a xerar o sector audiovisual “e o destacado retorno económico e de promoción que experimenta Galicia cos proxectos tan competitivos que se están a desenvolver”.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou a Román Rodríguez nesta xuntanza, á que asistiron en representación do equipo de Matria o seu director, Álvaro Gago, a actriz María Vázquez e o produtor Daniel Froiz, responsable de Matriuska Producciones, e por parte de Sica os rapaces protagonistas Thais García Blanco, María Villaverde Ameijeiras e Marco Antonio Florido Añón, xunto ao produtor Xavi Font, de Miramemira.

Subvencións á produción audiovisual

Ambas as películas, rodadas en diferentes localizacións de Galicia e en versión orixinal galega, supoñen o debut dos seus realizadores na dirección de longametraxes de ficción. As dúas compañías galegas que encabezaron estes traballos contaron con cadansúa axuda a través da liña anual de subvencións da Xunta á produción e coprodución audiovisual, con 260.000 euros para Matriuska por Matria na convocatoria de 2020 e 254.000 euros para Miramemira por Sica na de 2021.

Matria terá a súa estrea mundial o vindeiro día 17 dentro da sección Panorama do festival alemán, como paso previo á súa estrea no circuíto comercial prevista para o 24 de marzo. Con ela, o director vigués Álvaro Gago dá o salto á longametraxe retomando a historia da protagonista da súa aclamada curtametraxe homónima, para a que tamén contou co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades por medio das axudas para a promoción do talento audiovisual e para a súa difusión en destacados festivais internacionais. Entre eles, o estadounidense de Sundance, onde recibiu o gran premio do xurado en 2018.

A actriz María Vázquez dálle vida a Ramona, quen vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible ata que coñece a Xosé, co que constrúe unha inusual e esperanzadora amizade. Completan o elenco interopretativo Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha Tatán, Susana Sampedro e Francisa Iglesias, protagonista da curta e da historia real na que se inspiran ambos os traballos.

O Salnés e Pontevedra concentraron as localizacións desta película, que Matriuska coproduce xunto á madrileña Avalon e para a que contou coa participación de Elástica Films, Ringo Media e Felicidad la Película AIE.

A Costa da Morte como escenario

Pola súa banda, Sica foi seleccionada para competir na sección Generation 14Plus do festival alemán. Rodada integramente en diferentes concellos da Costa da Morte, trátase dunha coprodución entre a galega Miramemira, responsable da exitosa O que arde, do director Oliver Laxe, e a catalá Alba Sotorra. Tamén catalá é a directora Carla Subirana, de recoñecida traxectoria no xénero documental, que para o seu debut no ámbito das longas de ficción contou cun sólido equipo técnico.

Porén, para a faceta interpretativa levouse a cabo un exhaustivo casting entre actores non profesionais da zona de rodaxe. Neste proceso seleccionouse a Thais García, unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños que encarna a protagonista do filme, filla dun mariñeiro que desaparece no naufraxio do seu barco. A historia desenvólvese mentres a cativa agarda a que o mar devolva o corpo do pai, período durante o que o seu único apoio será un rapaz da zona ao que alcuman O Cazatormentas.

Tamén terá a súa estrea en Berlín Samsara, que se exhibe dentro do apartado Encounters. O director vigués Lois Patiño regresa así á mostra alemá, onde xa estivo o ano pasado coa curta El sembrador de estrellas e en 2020 con Lúa vermella, a súa primeira longametraxe de ficción. Desta volta, Patiño viaxou ata Laos e Tanzania para rodar o seu novo traballo, producido pola compañía vasca Señor&Señora Films e no que reflexiona sobre o ciclo da morte e a reencarnación budista.

Apoio á internacionalización

A Xunta disporá, así mesmo, dun expositor promocional do audiovisual galego dentro do pavillón español no European Film Market, a feira sectorial que dá comezo o vindeiro día 16 en paralelo á mostra de cinema e na que arrancará a difusión internacional da nova edición do catálogo Films from Galicia, cunha recompilación da máis recente produción galega de cinema e televisión. Este espazo funcionará como punto de encontro para prestar apoio ás empresas galegas acreditadas na procura de acordos de coprodución e/ou comercialización dos seus novos traballos.

Ao tempo, tanto as produtoras galegas con filmes seleccionados como as participantes no mercado teñen á súa disposición a vixente convocatoria da Xunta para a comercialización e difusión de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos en foros especializados e eventos de cine fóra de Galicia. A través desta vía, o ano pasado apoiouse unha vintena de empresas para a promoción dos seus traballos en encontros como o Bafici de Bos Aires, o festival de Nova York, Mipcom de Cannes ou a propia Berlinale.

Plan Xeración Cultura

A internacionalización do audiovisual galego é, ademais, unha das medidas inseridas no novo Plan Xeración Cultura que acaba de poñer en marcha a Xunta cun investimento de 34M€ para levar a cabo unha batería de 57 accións. O obxectivo é continuar co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos, como o desenvolvemento de dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade e de seis plans sectoriais.

R., 2023-02-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (trensturisticos.jpg) A campaña de Trens Turísticos da Xunta de Galicia sigue o seu percorrido este mes de xullo de xullo con varios dos traxectos practicamente vendidos, o que da mostra da excepcional acollida deste produto turístico deseñado por Turismo de Galicia en colaboración con Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico – INORDE, dependente da Deputación de Ourense. Cun nivel xeral de ocupación do 71,4%, aínda quedan billetes sobre todo para as saídas de agosto, setembro e outubro. Están á venda a totalidade dos traxectos que compoñen o programa de Trens Turísticos de Galicia. As persoas que queiran gozar desta experiencia singular, que une o desprazamento en tren con visitas a lugares senlleiros da comunidade, teñen aínda oportunidade de comprar o seu billete para os traxectos nos que quedan prazas.

Notas

O 23 de novembro de 2023, despois de millóns de anos de viaxe a través do universo, unha sinal en forma de ondas gravitacionais chegou á Terra. Foi detectada ao mesmo tempo polos observatorios de Hanford e Livingston, separados por máis de 3.000 quilómetros nos Estados Unidos. Pero esta sinal, bautizada como GW231123, non era unha máis: foi causada pola colisión de buracos negros máis brutal que a humanidade puido observar ata agora.
O investigador galego Rafael Carballeira Coego, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía (GRICA) do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, participa nun destacado proxecto internacional que busca reconstruír a historia do fenómeno climático El Niño ao longo de milleiros de anos. A investigación desenvolverase na lagoa La Niña, situada na costa norte do Perú, un enclave estratéxico para o estudo do sistema climático do Pacífico.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES