
A Xunta de Galicia celebrará o 30 aniversario do CGAC cun amplo programa composto por medio centenar de actividades. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, quen destacou que se trata dunha proposta que servirá para dar proba da importancia deste museo no sector cultural.
Durante a presentación das actividades, o responsable autonómico de Cultura, acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e do director do CGAC, Santiago Olmo, destacou que ao longo das últimas décadas este museo tense consagrado como un dos centros artísticos de referencia en Galicia e un dos seus principais axentes culturais. Se ben ao longo dos anos cada responsable aplicou o seu propio criterio, sempre houbo un factor común: a excelencia e aposta polo talento local, nacional e internacional, salientou.
Neste senso, engadiu que nos últimos 30 anos o museo ten ofrecido programas expositivos extraordinarios con gran variedade de formatos, voces innovadoras e creadores de vangarda. Desde a súa inauguración, o CGAC converteuse nunha fiestra para ver o mundo e a arte desde Galicia adiantándose ás tendencias plásticas e culturais que se acabarían impoñendo no sector creativo sen deixar de lado as sensibilidades artísticas do momento, explicou.
No relativo á programación organizada para este ano, o conselleiro de Cultura afirmou que se trata dunha proposta diversa, transversal e multiplataforma que servirá para poñer en valor a traxectoria do centro ao tempo que se impulsan diferentes disciplinas artísticas e se prepara á institución para os retos que ten por diante. Para iso, están previstas medio centenar de actividades entre as que se inclúen exposicións, intervencións artísticas, congresos, concursos, talleres, perfomance ou publicacións.
Primeira colaboración co Museo Centro Gaiás
Así, a primeira gran cita impulsada ao abeiro deste aniversario é a exposición Un traballo en equipo: revisión histórica do CGAC, que se inaugurará en xullo comisariada por Santiago Olmo, director do museo. Trátase dunha iniciativa para repasar a historia do CGAC a través das pezas máis significativas tanto da propia colección do museo como en proxectos expositivos ao longo dos últimos 30 anos. Maruja Mallo, Luis Gordillo, Berta Cáccamo ou Nicolás Combarro son algúns dos artistas cuxas obras estarán presentes nesta iniciativa.
A mostra compleméntase con A Colección CGAC na Cidade da Cultura, exposición que se poderá ver no Museo Centro Gaiás a partir de xullo e que será a primeira colaboración entre as dúas institucións culturais. A actividade permitirá mostrar aquelas obras de grande formato que, polo seu tamaño e dimensións, resulta difícil ver xuntas ou en sucesión no propio CGAC.
29 de setembro
O 29 de setembro, coincidindo coa apertura do Centro Galego de Arte Contemporánea en 1993, o museo ten previsto un amplo abano de actividades para todos os públicos nunha xornada lúdica e festiva que inclúe concertos, danza vertical e un espectáculo de video mapping, entre outras propostas. Ademais, neste día tamén haberá espazo para a reflexión con actividades vinculadas as mostras como a celebración dun congreso ou dunha xornada formativa.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.