
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no primeiro encontro que reuniu unha ampla representación do alumnado e do profesorado participante na V edición do programa de dinamización lingüística 21 días co galego E+, promovido pola Xunta co obxectivo de estimular o uso oral da lingua galega entre a xente nova tanto dentro como fóra dos centros de ensino.
O representante da Xunta, que estivo acompañado da profesora Pilar Ponte, coordinadora xeral do programa, agradeceulles que axudasen a facer medrar esta iniciativa que nos mostra que podemos usar o galego todos os días e para calquera cousa que fagamos e expresou o seu desexo de que a experiencia fose positiva e o uso da lingua propia de Galicia medre.
En total, preto de 700 persoas entre alumnado, profesorado e coordinadoras e coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega déronse cita no Edificio Fontán do Gaiás para intercambiar experiencias e compartir unha tarde chea de actividades como teatro, baile, rap, desfile de moda, xogos etc.
Animados polos xonalistas Carlos Amado e Esther Estévez, os representantes dos 12 centros participantes subiron por quendas ao escenario para interpretar ante os demais os seus respectivos espectáculos, que se intercalaron coa actuación da Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, de Noia, que realizou tres shows ao longo da tarde: de freestyle football, de beatbox e de breaking.
Dinamizar o uso da lingua galega na mocidade
Este encontro enmárcase na celebración da V edición do programa de dinamización lingüística 21 días co galego e +, que se desenvolveu entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro en 12 centros de ensino das catro provincias galegas e acadou a cifra máis alta de participantes ata o momento, con máis de 4.500 persoas involucradas.
Neste curso 2022/23 o programa desenvolveuse no IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), IES de Melide (Melide), CPI Plurilingüe Virxe da Cela (Monfero) e CPR Divino Maestro (Santiago), todos eles na provincia da Coruña; no CPR Plurilingüe Sagrado Corazón de Xesús (Ribadeo) e IES María Sarmiento (Viveiro), na provincia de Lugo; no IES Nº1 do Carballiño (O Carballiño) e CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), en Ourense; e no CPI Plurilingüe Alfonso VII (Caldas de Reis), CPI Plurilingüe Arquitecto Palacios (Nigrán), IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) e IES A Basella (Vilanova de Arousa), na provincia de Pontevedra.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.