
Editado en risografía, dentro do selo Error es bien, trátase do primeiro catálogo centrado na obra de Moldes que se publica tras o seu falecemento, como explicou a súa viúva, May Díaz Cacheda, na presentación que este luns tivo lugar neste espazo.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto; a comisaria da exposición, Sara Donoso; o deseñador do catálogo, Marcos Covelo, a coordinadora da sala, Chelo Matesanz, e o vicedecano Javier Tudela participaron na presentación desta publicación, que conta cunha tirada de 150 exemplares e que foi realizada na propia facultade coa colaboración de estudantes do centro. Nese senso, o vicerreitor puxo de relevo a sensibilidade para facer unha obra tan fermosa das e os responsables dunha publicación que permite plasmar os pensamentos que temos sobre esta obra e sobre esta exposición. Nesa misma liña, sumouse o agradecemento de Díaz Cacheda, que destacou que se trata dun catálogo moi importante para nós, porque é o primeiro dedicado á obra de Moldes que se publica tras o seu falecemento e tamén porque este forma parte da súa vida na facultade, que era moi importante para el.
Memoria viva dunha exposición que conecta o artista e o docente
O catálogo é como unha extensión da exposición, o que queda cando as obras se recollen. É a memoria viva desa mostra, salientou Donoso, comisaria dunha mostra que reunía as obras da serie Vieiros xunto con tres debuxos que Moldes realizou en 1977 e nunca expostos previamente. A través deste conxunto tanto de pinturas como de debuxos, a mostra puña o foco, na relación de Moldes co debuxo, non só como disciplina autónoma, senón tamén aplicado á pintura. Esta proxectábase en Vieiros na memoria a través dun conxunto de pezas nas que nos afastamos completamente das fronteiras entre as linguaxes artísticas, nas que hai unha conexión continúa coa idea do grafismo. Ao mesmo tempo, sinalou a comisaria, tratábase dunha mostra centrada nunha serie que Moldes iniciou na segunda metade da década de 1990 e, polo tanto, coincidente coa súa incorporación, en 1995, como profesor de debuxo na facultade.
Neste punto, Donoso incidiu en como o propio proceso de traballo que fixo posible este catálogo, feito por dous alumnos, Abraham e Andrea, e deseñado por Marcos Covelo, entronca directamente coa forma de ensinar de Moldes, que nos impulsaba a facer, a experimentar, a errar. De aí que puxese o acento no carácter completamente artístico desta publicación, respecto da que Covelo destacou que a risografía é unha técnica moi particular, na que, en detrimento da resolución da fotografía buscamos outro tipo de matices. Trátase ademais, como lembrou este docente, do primeiro catálogo dunha exposición realizada nesta sala que ve a luz baixo o selo de autoedicións da facultade, Error es bien.
A exposición, o artista e o espazo
Xunto ás imaxes das obras, o catálogo complétase cunha serie de textos, como os que Donoso centra na exposición, na serie Vieiros e no interese de Moldes polo debuxo, ou que o vicerreitor do campus dedica á figura do que fora un dos fundadores do colectivo artístico Atlántica. Por outra banda, o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, percorre nesta publicación a historia deste espazo expositivo, que iniciou a súa andaina en 2005 baixo o nome de Sala X co propio Buxán como coordinador. Por outra banda, nun texto titulado Só estar a pintar é mellor ca estar pintando, o tamén docente da facultade Juan Carlos Román afonda, como apuntou Donoso, na relación de Moldes co seu contexto histórico e artístico, pondo o foco na súa produción pictórica na década de 1980. O catálogo complétase cunha serie de fotografías cedidas polo Diario de Pontevedra, que fan posible, como apuntou Díaz Cacheda, que no volume estean tamén presentes, a través das imaxes, figuras moi queridas para Moldes, como o músico Julián Hernández, o escritor Luis Rei ou o propio alumnado. Así mesmo, o catálogo complétase cun póster no que unha fotografía do artista se presenta acompañada dun poema de Carlos Oroza inspirado na serie Vieiros.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.