
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Ourense na inauguración da exposición itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, na tamén interviñeron a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, o vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, e a responsable territorial da Fundación la Caixa, Susan Santos. A través de contedores de barco convertidos en salas de exhibición, a mostra achega diversas perspectivas das rutas xacobeas a través da ollada de dez artistas de primeiro nivel do eido visual e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados. Así, figuran profesionais como a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, a Premio Nacional de Fotografía Cristina de Middel ou o ourensán Iván Nespereira.
No acto de apertura, que contou coa presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, Anxo M. Lorenzo convidou a cidadanía a achegarse a esta exposición, que ofrece un enfoque poliédrico e contemporáneo do Camiño ademais dunha concepción ampla do propio feito de camiñar, desde o percorrido do territorio ata a peregrinación. Referiuse tamén ao grupo diverso e paritario que conforman os artistas, dunha xeración nova pero con longa traxectoria, que dá como resultado unha nova ollada audaz e orixinal, con achegas moi diversas. A iniciativa, que permanecerá na Praza Bispo Cesáreo ata o 14 de marzo, conta co apoio da Fundación la Caixa no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22.
'Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño' exhíbese en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os cinco restantes como salas de exhibición. Neles pode contemplarse o traballo fotográfico e audiovisual como secuencias de imaxes, curtametraxes ou formatos híbridos de fotografía e vídeo. Segundo indicou o secretario xeral de Cultura, o percorrido entre contedores e contidos quere reflectir a propia viaxe dos artistas para a realización dos proxectos, así como o transitar do Camiño.
Participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.
Actividades con Iván Nespereira e Luis Díaz Díaz7
No marco da apertura da mostra, o Arquivo Histórico Provincial acollerá dúas actividades complementarias. Trátase dun obradoiro impartido por Iván Nespereira e Luis Díaz Díaz esta tarde e mañá pola mañá, para o que xa están cubertas as prazas, e dunha conferencia aberta ao público hoxe ás 20,00 horas, na que ambos artistas presentarán os seus traballos.
Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño arrincou na Coruña o pasado setembro e estivo en Lugo ata esta mesma semana. Tras o seu paso por Ourense, continuará o seu percorrido por Vigo e Santiago, onde rematará en xullo deste ano.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.