Noticias

O Gaiás exhibe por primeira vez en España o diario de Stefan Zweig no que describe a súa visita a Vigo e vaticina o ascenso do nazismo en Europa

Os comisarios da exposición, Antón Reixa e Xosé Luís García Canido, e o equipo técnico da Cidade da Cultura desenvolveron os traballos de colocación da peza na que será o seu fogar temporal ata o vindeiro 11 de xuño. As tarefas foron supervisadas a través de videoconferancia pola arquivista e xefa adxunta de Arquivos da Literaturarchiv Salzburg, Lina María Zangerl. Stefan Zweig (Viena, 1881 – Petrópolis, Brasil, 1942) foi un escritor enormemente popular, tanto na súa faceta de ensaísta e biógrafo como na de novelista, converténdose en maxistral testemuña e cronista da desintegración europea do século XX e nun dos narradores máis lidos e queridos por crítica e público.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura á instalación en sala dunha das obras máis destacadas que se exhibirán na exposición Detrás do espello: o diario manuscrito do escritor austríaco Stefan Zweig, que por vez primeira se pode ver en España. Nesta peza, procedente do Arquivo de Literatura da Universidade de Salzburgo, o escritor austríaco describe a súa visita a Vigo menos dun mes despois do golpe franquista e augura o ascenso do nazismo en Europa.

Os comisarios da exposición, Antón Reixa e Xosé Luís García Canido, e o equipo técnico da Cidade da Cultura desenvolveron os traballos de colocación da peza na que será o seu fogar temporal ata o vindeiro 11 de xuño. As tarefas foron supervisadas a través de videoconferancia pola arquivista e xefa adxunta de Arquivos da Literaturarchiv Salzburg, Lina María Zangerl.

O titular de Cultura do Goberno galego quixo incidir na “relevancia histórica deste diario que recolle a viaxe de Zweig no buque británico Alcántara, que atracou no porto de Vigo menos dun mes despois do golpe de Estado franquista”. Salientou así “a oportunidade que supón exhibir, por vez primeira en España, este extraordinario documento” e lembrou que este paseo de Zweig polas rúas de Vigo forma parte da xénese do seu libro máis destacado e un dos principais da literatura europea contemporánea: El mundo de ayer.

Os comisarios da mostra concordaron tamén na pertinencia de contar con esta peza en exhibición nun momento que foi bautizado pola prensa internacional como “o ano de Stefan Zweig” por coincidir co paso a dominio público das súas obras. O escritor austríaco, destacan Reixa e García Canido, “estivo menos dun día en Galicia, tempo suficiente para intuír todo o que acontecería en Europa desde finais dos anos 30 ata a II Guerra Mundial e a caída do nazismo”.

Cronista da Europa do século XX

Stefan Zweig (Viena, 1881 – Petrópolis, Brasil, 1942) foi un escritor enormemente popular, tanto na súa faceta de ensaísta e biógrafo como na de novelista, converténdose en maxistral testemuña e cronista da desintegración europea do século XX e nun dos narradores máis lidos e queridos por crítica e público. Destacou tamén polas súas firmes posicións éticas en contra da guerra, que o levaron a ser perseguido polo réxime nazi —que prohibiu varias das súas obras— e ao exilio, onde se suicidou en 1942.

Olladas de Galicia desde o exterior

Detrás do espello é un proxecto comisariado polo comunicador e xestor cultural Xosé Luis García Canido e polo músico, autor, produtor, e director audiovisual Antón Reixa, recoñecido en 2021 coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. A exposición, que se inaugura o luns 6 de marzo, componse dunhas 300 pezas a través das que explora o vencello con Galicia de medio centenar de figuras foráneas das artes plásticas, a literatura, o cinema, a ciencia ou o pensamento ao longo do último século. Nomes como Einstein, Hemingway, Cortázar, Isabel Coixet, Cristina García Rodero, Borges, Luis Buñuel ou o propio Stefan Zweig son algúns dos nomes que se debullan nesta mostra.

R., 2023-03-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES