Actualidad de Cultura

Noticias cultura

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2023 que distinguen aos galegos que fixeron contribucións senlleiras e levaron o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. Os premiados son a escritora Ledicia Costas, o grupo Siniestro Total, a deportista Susana Rodríguez Gacio, o empresario Lino de Prado e o oncólogo Rafael López. A Medalla Castelao é unha condecoración civil ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario e intelectual.
A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, abriu hoxe un novo itinerario artístico nas zonas verdes do Gaiás, formado polas intervencións artísticas da cuarta edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Nesta ocasión son dous creadores novos galegos, Diego Vidal e Rebeca Lar, canda o navarro Alberto Odériz, os encargados de dar forma ás tres pezas escultóricas que se poderán ver ata o mes de novembro no Bosque de Galicia. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, participou esta mañá coas comisarias e artistas na apertura de Reb/veladas na paisaxe, destacando a súa aposta por levar a arte fóra das paredes dos museos e engadir un atractivo cultural á contorna natural do Gaiás.
O proxecto europeo Erasmus+ ALLURE conta como países socios con Islandia (Centro Textil de Blönduósi), Portugal (Asociación Empresarial de Portugal), Polonia (Talleres culturais de Lublin) e España (Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade). Todos eles son coordinados pola Xunta de Galicia como socio líder e co obxectivo de elaborar diferentes ferramentas que ofrezan unha experiencia inclusiva nos recursos e eventos culturais de maneira sinxela, rápida e personalizada para garantir unha cultura inclusiva e accesible desde a educación non formal.
A Filmoteca de Galicia acolleu a estrea de tres documentais e un filme de ficción rodados polo alumnado dos catro centros de ensino participantes en Cinema en Curso 2022-23. Esta iniciativa internacional de pedagoxía do audiovisual, organizada pola asociación A Bao A Qu e coordinada en Galicia pola cinemateca da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, forma parte do Plan Proxecta para a Innovación Educativa da Xunta e na que participaron nesta edición 74 estudantes e 14 docentes de institutos e escolas de Betanzos, Cangas, Ponte Candelas e Cercedo-Cotobade.
O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón. O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso.
O Centro Dramático Galego conmemorará en 2024 o seu 40º aniversario coa estrea no mes de abril dunha produción propia de gran formato que será unha das máis ambiciosas da súa historia, ao requirir en escena 20 actores e actrices. Tamara Canosa será a directora desta montaxe que xogará coas premisas que rexen os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das coordenadas deste tipo sobre as que pivotará unha produción que, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phōnē.
Presentouse a programación do Corazón da Artesanía - Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que celebrara a súa décima edición os días 7, 8 e 9 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). O Corazón da Artesanía é un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía. En horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único.
O Museo de Belas Artes da Coruña acollerá este domingo o último dos cinco concertos dedicados a Picasso e ás cidades nas que residiu e traballou ao longo da súa vida, nos que se interpretan obras de compositores contemporáneos de Picasso, moitos dos cales foron coñecidos e admirados por el. Enmárcase nas actividades paralelas da mostra Picasso branco no recordo azul coa que a Xunta conmemora o 50 aniversario da morte do artista e que se poderá visitar ata o 25 de xuño. Así, o domingo 11 de xuño a partir das 12,00 horas poderase gozar do cuarteto Bélle Epoque na Coruña, despois de que o ciclo musical puxese o foco nas cidades de Málaga, Barcelona e París.
A décima edición do Festival Bal y Gay será do 10 ao 24 de agosto. Pasará por Viveiro, Alfoz, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebrarase en lugares como a fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo, Basílica de San Martiño de Foz, a Fortaleza Alfoz, a igrexa de Lourenzá, entre outros. A Real Filharmonía de Galicia será a encargada de inaugurar a edición o 10 de agosto no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cunha gala lírica dirixida por Maximino Zumalave. Os seguintes concertos correrán a cargo, entre outros, do cuarteto de saxofóns Kebyart, a soprano Rocío Pérez, a violonchelista Sara Ferrández, a pianista portuguesa, María Joao Pires, así como a Orquestra Sinfónica de Galicia.
A Filmoteca de Galicia porá o foco neste xuño na produción cinematográfica do creador multidisciplinar Javier Codesal e na etapa alemá do director Douglas Sirk. Ademais, a carteleira para este mes tamén incluirá a estrea de catro películas realizadas polo alumnado participante no programa internacional Cinema en curso e daráselles continuidade tanto á mostra 7x7: novas películas checas como ao programa A/Z-Zulueta Inédito, ciclo sobre o director de Arrebato organizado en colaboración co festival coruñés (S8).
« Anterior | 43  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Vense de fallar a XXVII edición do Certame Literario Manuel-Oreste Rodríguez López, convocado polo Concello de Paradela en memoria do seu Fillo Predilecto, destacado poeta obreiro, emigrante que foi a ponte de unión entre Galicia e os galegos de Catalunya, dos que foi cronista. Á presente edición concorreron un total de 913 traballos, dos que 409 foron no apartado de Poesía e 504 en narrativa.
Como un evento 'de carácter transdiciplinar', que reúne expertos 'de áreas moi diferentes', e tamén 'altamente internacional', dada a participación de investigadores e investigadoras de diferentes universidades europeas e xaponesas, definiu o investigador José Andrés Santiago o simposio Manga in a postdigital environment, que este luns botou a andar na sede da Vicerreitoría do campus.
Analizar, poñendo o foco no manga, no cómic xaponés, as transformacións formais, estéticas e narrativas que as tecnoloxías dixitais teñen producido neste medio é o principal obxectivo do proxecto de investigación Estudos transdisciplinares sobre cómic, que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes da UVigo desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Hai libros que contan a historia de nenas libres e rebeldes, como Pipi Mediaslongas, pero tamén hai libros sobre o ideal feminino da época franquista como Flora. Hai literatura infantil clásica, como a dos irmáns Grimm, pero tamén hai historias que van máis aló do estándar europeo ou occidental. E é que os contos son historias que viaxan, que están presentes en todas as culturas e épocas.
Anualmente, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo efectúa unha viaxe cultural internacional para os seus asociadose coincidindo coa "ponte" das Letras Galegas, tendo celebrado actos de exaltación das Letras con tal motivo en destinos tan lonxanos como Rumanía, Grecia ou Xordania.
O profesor e académico Xesús Alonso Montero visitou a Universidade de Vigo para lembrar e homenaxear a figura de Florencio Delgado Gurriarán, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, actos que na UVigo arrancaron de forma oficial o martes no campus de Pontevedra. Fíxoo no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución nunha conferencia que dedicou ao profesor Manuel Ramos Cabrer.
As persoas integrantes do equipo Traskala acadaron o premio do xurado da sétima edición do Findecurta coa curtametraxe ‘Barafunda’, cuxa temática xira arredor da ira. A cerimonia de entrega dos premios do VII Findecurta celebrada na Praza de Santa María permitiu a máis de 300 persoas gozar das nove creacións cinematográficas presentadas ao concurso .
Desde este mércores e ata o 8 de xullo, a Sala Alterarte do campus de Ourense da Universidade de Vigo acolle a mostra da ourensá Mar Ramón Soriano titulada Sistemas empáticos. Comisariada por Sara Donoso, a mostra, seguindo a liña de traballo da súa creadora, afonda no 'diálogo entre o corpo e os obxectos domésticos'.
Erasmo de Rotterdam e Tomás Moro publicaron unha versión latina de obras de Luciano, autor grego do século II d. C. Un exemplar do volume, publicado en 1521, consérvase no fondo antigo da Biblioteca Xeral. A profesora Concepcion Virtudes Cabrillana Leal, catedrática de Filoloxía Latina da USC, publica agora a tradución dos tratados pasados ao latín por Tomás Moro. O texto consta de varios Diálogos e unha peza retórica, O tiranicida, á que Moro engade a súa propia resposta.
Este xoves o grupo Northwest actuará na sala Almacén do espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL, no Campus de Riazor, con entrada libre e gratuíta. Fundado a finais de 2015 no Reino Unido polo multi-instrumentista, compositor e produtor Ignacio Simón e por Mariuca García-Lomas, Northwest foi definido como 'novo e experimental', 'cinematográfico e etéreo' e comparado con músicas como as de Scott Walker, Portishead, Radiohead ou Mark Hollis.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES