Notas de prensa

Especialistas de diferentes países e disciplinas poñen en común na UVigo as súas visións sobre o cómic do século XXI

Como un evento 'de carácter transdiciplinar', que reúne expertos 'de áreas moi diferentes', e tamén 'altamente internacional', dada a participación de investigadores e investigadoras de diferentes universidades europeas e xaponesas, definiu o investigador José Andrés Santiago o simposio Manga in a postdigital environment, que este luns botou a andar na sede da Vicerreitoría do campus.

Dirixido pór en común diferentes visións sobre a evolución e as transformacións que está a vivir o cómic xaponés nunha sociedade marcada pola dixitalización, trátase do sexto Foro Internacional de Creación na Fronteira que promove o grupo de investigación dx5 (digital & grapghic art research) da Facultade de Belas Artes, e insírese no proxecto de investigación, coordinado por Santiago, Estudos transdisciplinares sobre cómic, seleccionado en 2019 na convocatoria de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación, do Ministerio de Ciencia e Investigación.

Especialistas en manga de universidades de Xapón, Alemaña, Suecia, Turquía e España participan nun simposio internacional que se desenvolve nun formato híbrido, combinando a participación presencial e virtual, e que na mañá deste luns Santiago inauguraba xunto coa directora do grupo dx5, Ana Soler. “Queríamos que fose un foro presencial, aínda que tamén teñamos persoas do outro lado da pantalla”, salientou Soler deste encontro interdisciplinar de “investigadores e creadores” que, como sinalou, constitúe “un peche de luxo” ao primeiro dos proxectos con financiamento estatal do grupo que ten a Santiago como investigador principal. Dirixido a afondar nas transformacións formais, estéticas e narrativas que xerou no manga a convivencia co cómic dixital, no desenvolvemento deste proxecto participou un grupo de traballo integrado por expertos e expertas de diferentes países, varios e varias delas presentes neste simposio. “Aínda que por datas este congreso sexa o final do proxecto, realmente é tamén un comezo”, engadiu Santiago, que incide en que ademais de para coñecer os estudos dos diferentes relatores e relatoras, este foro busca servir tamén como “unha zona de traballo na que poñer en común unha serie de conclusións”. De feito, un dos propósitos do proxecto de investigación e tratar de dar resposta á “ausencia de literatura científica sobre cómic en España”, ao que contribuirá a publicación resultante deste simposio, que reunirá tanto as achegas das e o s participantes como doutros especialistas e que verá a luz tanto en castelán como en inglés.

Unha abordaxe que parte da “ecoloxía de medios”

Como explica o grupo dx5 no texto de presentación deste simposio, o manga contemporáneo defínese en gran medida polas “longas narracións seriadas” e polo sistema de revistas mangashi “que funciona con éxito desde a década de 1950”, así como pola importancia que ten propio o sistema de produción e o papel do editor. Á súa vez, características atópanse “profundamente entrelazadas” cos “aspectos materiais e formais que o definen e diferencian doutras formas de arte secuencial”, xerando un conxunto que fai que este proxecto poña o foco na idea do “manga como medio” e tome como punto de partida o concepto de “ecoloxía dos medios”, que afonda en como a evolución tecnolóxica transforma tanto o propio medio en si como a súa contorna. A partir de aí, a investigación propón “aproximarse ao manga nun ambiente posdixital, como unha forma de pensar e repensar aspectos materiais do manga, incluíndo dinámicas de produción e distribución, eleccións estéticas e prácticas culturais”, como salientan os seus responsables.

Da análise das tipografías aos antecedentes do manga

Con ese punto de partida, este VI Foro Internacional de Creación na Fronteira arrancou cun relatorio que Santiago e a tamén investigadora do grupo dx5 Tatiana Lameiro centraron no papel que xoga a tipografía, como “unha extensión da imaxe e unha ponte narrativa”, no cómic xaponés, a partir da análise de “dúas das series de manga máis populares” dos últimos anos, Naruto e Bleach. A continuación, o investigador da Universidade de Tubinga Lukas R.A. Wilde afondou na construción de personaxes ligados á cultura popular xaponesa, mentres que, nunha intervención por videoconferencia, Selen Çalik Bedir, da universidade turca de Beykoz, abordou como o desenvolvemento de cómics específicos para realidade virtual pode influír na característica organización de páxinas do manga. Tamén nesta xornada, a investigadora da universidade xaponesa de Tohoku Olga Kopylova analizou as “variacións textuais” que existen nas series de manga entre a súa publicación por capítulos nas revistas e a súa compilación en tomos.

Xa pola tarde, o experto da Seisa Dohto University Miho Taekuchi afondará no uso que os afeccionados facían das columnas de lectores nas revistas de manga, antes de que os dispositivos dixitais permitisen aos creadores afeccionados compartir facilmente os seus traballos. O papel que estas revistas tiveron na “estandarización” do deseño destes cómics e en como a habitual disposición das páxinas se ten trasladado ao formato dixital dos webtoons constitúe, por outra banda, o eixo da intervención de Dalma Kálovics, do Yokote Masuda Manga Museum, mentres que a profesora da Universidade de Estocolmo Jaqueline Berndt proporá “revisitar” desde unha “perspectiva postdixital”, o que chama os “proxenitores do manga”, os emaki, rolos de imaxes do Xapón medieval, e os libros ilustrados kusazoshi.

Esta primeira xornada pecharase coa análise das diferencias que supón o paso do manga en papel ao formato de webtoon, o máis consumido a día de hoxe en países como Corea do Sur, da investigadora da Kyoto Seika University Bon Won Koo. Xa o martes, o simposio continúa cos relatorios de Per Israelson, da universidade alemá de Linköping; e Stevie Suan, da Hosei University, quen se deterá na “transnacionalidade” do anime. Por último, Nicolle Lamerichs, da Universidade de Ciencias Aplicadas de Ultrecht afondará no “impacto na distribución, creación e recepción do manga” que supuxo o desenvolvemento de novas plataformas dixitais, mentres que Zoltan Kacsuk dará a coñecer o proxecto Japanese Visual Media Graph, a base de datos sobre manga e anime que desenvolven na Stuttgart Media University.

Universidade de Vigo, 2022-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (lluis-hortala-cgac.jpg) Hortalà estudou na Escola de Artes e Oficios de Olot e na de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona. Os seus inicios como artista estiveron marcados pola produción escultórica. Tras instalarse en Londres realizou diversas series de paisaxes imaxinarias e iniciou un ciclo de traballos baseados na súa experiencia como alpinista entre 1975 e 1982, período no que participou nunha expedición ao Everest. En 2012, mostrou unha importante selección destes traballos no Centro de Arte y Naturaleza, na Fundación Beulas de Huesca e, en 2015, presentou a exposición Les Temptacions no Museu de Montserrat.
Foto de la tercera plana (informe-economia-social-2024.jpg) En 2024, creáronse en Galicia un total de 192 cooperativas novas. Este dato representa un incremento notable respecto ao ano 2023, no que se rexistraran 138 novas cooperativas. “Esta evolución contribúe a consolidar a percepción do cooperativismo como un modelo empresarial resiliente, especialmente eficaz en contextos marcados pola incerteza económica e social”. Así o subliña o ‘Informe da Economía Social en Galicia’, coordinado por Maite Cancelo e Manuel Botana, que se presentou este mércores 25 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

Notas

Un equipo internacional liderado polo investigador Oportunius Jose Tubío desde o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC descubriu un mecanismo polo cal certas pezas móbiles do ADN humano poden provocar grandes reorganizacións dos cromosomas en células tumorais.
O proxecto AVIA (Algoritmo de Validación de Independencia e Autonomía), enmarcado dentro do proxecto LABIC, continúa sumando recoñecementos polo seu enfoque innovador no coidado das persoas maiores e a aplicación da IA en saúde. Así, vén de obter a condición de finalista no concurso de innovación do distrito de Shibuya (Tokio), e no “Silver Economy Forum” de Arxentina.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES