//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
As tres primeiras ferramentas dispoñibles do proxecto Nós posibilitarán a interacción en galego entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos. Trátase do primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, o primeiro recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e unha aplicación de síntese de voz que a partir dun texto é quen de ler en galego. Estas ferramentas estarán dispoñibles proximamente en aberto e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar.
Comisariada por Susana Cendán, a exposición está composta por fotografías, bordados, pezas cerámicas ou libros-obxecto. Repasa tamén a importancia que a artista lle outorga ao contexto e relación co lugar, algo evidente en varios dos seus proxectos que teñen en conta os distintos aspectos físicos e topográficos, formais, simbólicos, históricos, económicos e sociais que definen os espazos sobre nos que Almudena Fernández Fariña intervén. Estes proxectos foron recollidos nun vídeo documental que se proxecta nunha das salas.
Presentouse a nova edición do Festival Peregrinos Musicais, a iniciativa coa que ano a ano se contribúe a divulgar o traballo de novos intérpretes de música clásica. O programa deste ano, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 14 de xullo, incluirá un total de sete xornadas musicais, con entrada de balde, protagonizada tanto por mozos como por artistas consagrados de carácter internacional de Ucrania, Alemaña e España. Os concertos celebraranse no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia, no Hostal dos Reis Católicos e no Pazo da Peregrina, no concello de Ames.
A Cidade da Cultura amplía os atractivos do Bosque de Galicia como espazo de lecer e cultura coa inauguración de O prisma dos sentidos, intervención artística realizada polo escultor Acisclo Manzano. Concibida como un lugar de recollemento e meditación e espiritual, a obra evoca as formas dunha capela contemporánea erixida na contorna do monte Gaiás. Pola súa localización e integración na contorna natural, a obra ofrece ademais un punto de vista privilexiado das torres da Catedral de Santiago e da paisaxe compostelá. As súas paredes, perforadas con rostros, ondas e estrelas, permiten que a luz, o vento e a auga da choiva se filtren formando xogos evocadores e multisensoriais.
Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas promovida por Xunta e a asociación profesional Escena Galega, celebra a semana que vén o seu décimo aniversario congregando durante catro días en Santiago máis de 180 axentes do sector co obxectivo de dinamizar a contratación dos espectáculos de produción galega, ao tempo que impulsar a súa proxección social. Teñen confirmada a súa asistencia representantes de 75 feiras, festivais, circuítos e espazos culturais de dentro e fóra de Galicia e de máis de 100 compañías e empresas.
'Pakolas. Rock infantil e familiar en galego' na categoría iniciativas de dinamización para a poboación de menor idade; o Museo do Pobo Galego e Orgullo Galego, exaequo na categoría de entidades; e o técnico de normalización lingüística Daniel Romero na categoría de persoas, son as catro propostas gañadoras dos XIV Premios Rosalía de Castro de Lingua que convoca a Deputación da Coruña. Trátase do certame que, cada ano, recoñece e premia o labor de promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no de todo o país.
A Xunta de Galicia programa este ano máis de medio cento de actividades nos espazos museísticos que xestiona para conmemorar o Día Internacional dos Museos, que se celebra o mércores 18, e incluirá visitas guiadas, obradoiros, xornadas de portas abertas, actividades didácticas e música, entre outras propostas dirixidas a todos os públicos. A meirande parte da actividade comeza o propio mércores e prolóngase ata a vindeira fin de semana, co gallo da Noite dos Museos. A axenda pode consultarse nas respectivas webs e redes sociais dos centros, espallados por todo o territorio galego e na axenda de Cultura de Galicia.
O multiverso centrou a temática das nove propostas presentadas a concurso no VIII Findecurta, un certame promovido ao abeiro de Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo, ao que cada ano se incorpora máis talento mozo, tal e como se puido constatar na entrega de galardóns dun 'Findecurta' que premiou a historia 'Portas', creada por 'Desviadas', un cuarteto feminino de mozas preuniversitarias integrado por Elba Penas, Alba Area López, Uxía Calviño e Ayla Álvarez.
A caverna baleira é un ensaio-ficción motivado polo descubrimento azaroso dun suposto Instituto de Arte Inexistente. A partir deste achado, o autor constrúe un texto que conduce ao lector a través dos diversos enfoques teóricos, categorizacións e xenealoxías aplicables á arte inexistente. A tal fin, revisa algunhas das liñas de contraprodución estética que marcaron o cuestionamento do obxecto artístico e propón un itinerario a través das obras de arte inexistentes e doutras cuxa existencia é cuestionada. Jorge Fernández Gonzalo é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense cunha tese sobre a poesía de Claudio Rodríguez.
Esta colección, que pasará a integrarse nos fondos da biblioteca do Museo, inclúe catálogos de exposicións de museos europeos e americanos, así como literatura básica de investigadores internacionais de Picasso, biografías, publicacións periódicas e outras achegas. Son exemplares que proceden do mercado internacional do libro e foron recompiladas a través das múltiples viaxes polo mundo que realizou Peter L. Farer, percorrendo gran parte das exposicións sobre Pablo Picasso realizadas nos últimos anos.
A Aula de teatro universitaria do campus de Pontevedra estreouse na XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo. Para a súa primeira posta en escena escolleron a obra Nosa Señora das Nubes, unha dramaturxia dirixida por Salvador del Río na que se abordan principalmente dous temas: a memoria e o exilio.
Baixo o nome Os sons da Pedra. O ronsel do Mestre Mateo, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC en colaboración co grupo de investigación Organistrum programa para estes días un compendio de actividades académicas e culturais cara á difusión do patrimonio instrumental proxectado na pedra polo xenio galego. A iniciativa apóiase nos traballos de construción en madeira dos instrumentos do Pórtico desenvolvidos entre 1990 e 1993.
O tratamento do mal na súa obra; a súa relación coas temáticas da Idade Media; a representación visual das súas historias e o uso das runas e o seu legado, foron os temas centrais do seminario Tolkien in the 21st Century, que acolleu o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo. Organizado polo Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da FFT, a sesión xurdiu dun interese persoal de investigación do docente deste departamento Jorge Luis Bueno.
No mundo virtual, os conceptos do real e do verdadeiro 'son complexos de discernir e desde a arte podemos sinalalos e criticalos', salienta o artista e alumno da UVigo Daniel Cerecedo, que presenta nestas semanas na galería La Doce de Boiro Chatroom, un proxecto expositivo no que reflexiona sobre a 'dicotomía público-privado', dous conceptos tamén, sinala, 'de difícil distinción no mundo virtual'.
Unha obra que propuña unha reflexión sobre o feminismo e sobre a situación da muller no século XXI abriu no Pazo da Cultura a XIII Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Pontevedra, que recuperaba a súa actividade tras doce anos de interrupción. A Aula de Teatro da USC foi a encargada de inaugurar este ciclo teatral promovido pola UVigo coa colaboración do Concello.
Do 1 ao 16 de maio a cidade de Ourense acollerá a celebración da 27ª Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu). A cita contará nesta edición con 17 espectáculos de compañías e aulas de teatro universitarias de catro países, destacando na programación actuacións como as de Leo Bassi e Pepe Viyuela.
A Universidade da Coruña retoma coa edición deste ano do Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña o camiño cara a normalidade. Aínda que este ano o FITEUC terá un formato máis reducido, desde a vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte esperan que o próximo curso se volva a un festival coa participación de universidades como as de antes da pandemia.
Convocado o IV Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que este ano se centra na figura do poeta, articulista, tradutor, editor, activista cultural e político no exilio Florencio Delgado Gurriarán. O obxectivo do certame é estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, a elaboración de produtos radiofónicos en galego, reforzar a lectura de poesía nesta lingua ou o achegamento ao mundo da edición, da tradución e da cultura galega en América.
O Encontro Universitario de Danza da USC regresa ao Vello Cárcere de Lugo na súa vixésima edición coa presentación os días 21 e 22 de abril de catro intervencións artísticas interpretadas polos integrantes das compañías Danza USC-Compostela e Danza USC-Lugo, ligadas ao Espazo de Danza da USC e das formacións SanTango e D-ou-tras, da Universidade de Vigo.
A vixésima oitava edición do Festival de Teatro Universitario, un certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, reúne no auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo cinco compañías universitarias do 18 ao 30 de abril no marco dun ciclo no que o público presente poderá participar en coloquios cos actores e actrices ao remate de cada función.