
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, entregou hoxe o galardón da V edición do Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea a Jorge Fernández Gonzalo polo traballo A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente.
O representante da Xunta de Galicia lembrou que a decisión de outorgar o premio a Jorge Fernández González foi adoptada por unanimidade do xurado, que valorou especialmente a oportunidade e vixencia do tema tratado así como o enfoque multidisciplinar do traballo.
A caverna baleira é un ensaio-ficción motivado polo descubrimento azaroso dun suposto Instituto de Arte Inexistente. A partir deste achado, o autor constrúe un texto que conduce ao lector a través dos diversos enfoques teóricos, categorizacións e xenealoxías aplicables á arte inexistente. A tal fin, revisa algunhas das liñas de contraprodución estética que marcaron o cuestionamento do obxecto artístico e propón un itinerario a través das obras de arte inexistentes e doutras cuxa existencia é cuestionada.
Jorge Fernández Gonzalo (Madrid, 1982) é doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense cunha tese sobre a poesía de Claudio Rodríguez. Á súa tarefa investigadora hai que engadirlle unha recoñecida traxectoria como poeta, con cinco poemarios publicados e premios como o Joaquín Benito de Lucas ou o premio Hiperión de poesía. Codirixe a publicación dixital Revista Neutral, especializada na obra e o pensamento de Maurice Blanchot, e publicou unha trintena de estudos sobre poesía, filosofía e pensamento en revistas especializadas. A súa obra Filosofía zombi foi finalista do Premio Anagrama de Ensaio en 2011.
Nova edición
No mesmo acto, o representante da Consellería de Cultura presentou o libro Memoria do azul, de Laura Calvo Gens, gañadora da III edición. Neste texto a autora traza un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul como monocromo que establece simbolismos e sinestesias.
O director xeral de Cultura aproveitou tamén para animar a participar na VI edición do Premio CGAC. Trátase dun galardón pensado para promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea e as obras pasan, ademais, a formar parte da colección CGAC Ensaio, explicou. Deste xeito. o Goberno galego apoia o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea e á comunicación social das artes plásticas, sinalou.
Ao premio, dotado con 3.000 , poden presentarse as persoas maiores de idade con textos inéditos escritos en galego relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. As propostas serán de tema libre e deben ter carácter divulgativo, cunha extensión de entre 150.000 e 450.000 caracteres, incluídos espazos. Debe entregarse de xeito anónimo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, unicamente co título ou lema na portada. O prazo de presentación finaliza o 29 de setembro.
O xurado, composto pola dirección do CGAC e tres personalidades de recoñecido prestixio do medio artístico-literario, terá en conta nos seus criterios de valoración a orixinalidade do enfoque e elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica, e a calidade literaria do texto. O premio poderá quedar deserto. A resolución darase a coñecer nun prazo de dous meses a partir do día seguinte ao peche da presentación de solicitudes.
Os textos premiados desde a creación do premio en 2018 son A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid; Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco Covelo; Memoria do azul. A afección monocroma do contemporáneo, de Laura Calvo Gens; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías G. Rodríguez-Mouriño, e A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, de Jorge Fernández Gonzalo
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.