
A curta Portas recibiu os parabéns do xurado, integrado nesta edición por María Vázquez, profesora na Escola Superior de Arte e Deseño, e Antonio Gómez, podcaster, divulgador histórico e co director de Cita con Rama. Os dous xuíces do maratón cinematográfico coordinado por Bruno Maez, salientaron a evolución da historia contada por Portas de Desviadas, ao tempo que tamén puxeron en valor o esforzo destas catro rapazas que, de madrugada, non dubidaron en botarse á rúa para captar cos seus móbiles imaxes dunha cidade de Lugo totalmente baleira de xente, o multiverso no que transcorren as peripecias dunha rapaza que, de noite, sae da súa habitación cara a cociña na procura duns froitos secos.
A curtametraxe galardoada polo xurado, que recibiu como obsequio unha gratificación económica de 400 euros, recadou tamén o apoio maioritario das preto de 300 persoas que acudiron á gala de proxección das nove creacións audiovisuais que concorreron ao VIII Findecurta, razón pola que os organizadores deste certame acordaron distinguir co premio do público a curta Dodo, de IAA, un quinteto moi heteroxéneo formado por estudantes universitarios e de ensino secundario que crearon o seu particular multiverso arredor dunha autocaravana e dos seus exteriores.
Unha vez resolto o VIII Findecurta, os autores das dúas propostas gañadoras teñen diante de si a posibilidade de participar coas súas respectivas curtas na próxima edición da Semana de Cine de Lugo, un evento no que poderán optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega.
Alén das dúas candidaturas triunfadoras na última edición do maratón de cinema do Campus de Lugo, na que tomaron parte preto de 100 novos creadores, o xurado do VIII Findecurta, tamén distinguiu con cadanseu accésit as propostas Multiverso, de Tsuka Films, e As cinco no anfi, de Gabrieles Entelécticos, ao tempo que destacou a calidade técnica e artística das outras cinco pezas proxectadas no auditorio da Facultade de Veterinaria durante a sesión de clausura deste maratón cinematográfico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.