
O xurado, presidido pola deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, estivo conformado por María Canosa Blanco, gañadora na categoría persoas da anterior edición; Irimia Fernández Álvarez, gañadora na categoría iniciativas de dinamización tamén en 2022; e por María Alicia Fernández Rodríguez, representante de AELG, entidade que tamén resultara gañadora o pasado ano. Como secretaria actuou Dores Sánchez Alegre, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña.
Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística no Concello de Fene, por abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas. No seu informe, o xurado tamén salienta que o seu exemplo, coherencia e compromiso convérteo no faro das persoas dedicadas á normalización lingüística, tras máis de 40 anos traballando tanto desde o concello como desde outras responsabilidades profesionais nesta longa traxectoria. Da súa man, o galego chegou con forza ás tecnoloxías da información e á comunicación con iniciativas en que Daniel Romero participou como Ciberlingua, galego.org ou Vieiros.
En canto á categoría de entidades, o xurado concede o premio exaequo ao Museo do Pobo Galego e a Orgullo Galego, considerando que ambas propostas son divulgadoras e mantedoras de coñecemento e contido cultural; no caso do Museo do Pobo Galego cunha traxectoria xa consolidada no tempo, mentres que Orgullo Galego representa unha nova expresión de transmisión da lingua e cultura galegas. Neste sentido, a proposta do Museo do Pobo Galego, no eido lingüístico, salienta a conservación e custodia dunha extraordinaria Biblioteca declarada de Especial Interese para Galicia no ano 2012. Este acervo bibliográfico e documental está composto polos máis de 100.000 volumes, entre libros e publicacións periódicas, que conforman a Biblioteca, cun Arquivo que ocupa máis de 600 metros lineais (entre manuscritos e mecanoescritos) e un conxunto de materiais de características singulares: fotografías, postais, mapas e planos, carteis, partituras, pergameos ou follas voandeiras. Mentres, pola súa banda Orgullo Galego é unha iniciativa destinada a normalizar o uso da lingua galega nas redes sociais, para que a poboación teña espazos de referencia do idioma propio e que figure en pé de igualdade con outros idiomas do mundo, demostrando que é unha lingua viva, moderna e con futuro e fai parte das ferramentas tecnolóxicas máis actuais.
Por último, na categoría de proxecto de dinamización lingüística que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, o xurado escolleu a proposta Pakolas. Rock infantil e familiar en galego por considerar que utiliza unha linguaxe universal, a música, para involucrar calquera xeración no uso normalizado da nosa lingua. O informe do xurado tamén indica que non só utiliza a súa enerxía e entusiasmo sobre o escenario, senón que fai uso doutras vías para divulgar e promocionar a cultura. Pakolas é o músico e narrador Paco Cerdeira en formato solitario, cun espectáculo co que percorre bibliotecas, centros de lectura, feiras do libro, e outros espazos como teatros, auditorios, ou centros sociais.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.