
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da nova edición do Festival Peregrinos Musicais, a iniciativa apoiada pola Xunta coa que ano a ano se contribúe a divulgar o traballo de novos intérpretes de música clásica. Como explicou, a cita chega este ano con distintas novidades como o reforzo da presenza galega ou unha xornada de música clásica a pé de rúa para achegar aínda máis este xénero musical a todos os públicos e seguir co obxectivo do Goberno galego de traballar para abrilo á sociedade. Tamén haberá unha homenaxe ao compositor e pianista Sergei Rachmaninoff co gallo do 150 aniversario do seu nacemento e un reforzo da presenza de talentos galegos.
O programa deste ano, que se celebrará entre o 29 de xuño e o 14 de xullo, incluirá un total de sete xornadas musicais, con entrada de balde, protagonizada tanto por mozos como por artistas consagrados de carácter internacional de Ucrania, Alemaña e España. Os concertos celebraranse no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia, no Hostal dos Reis Católicos e no Pazo da Peregrina, no concello de Ames.
Este ano potenciarase o talento galego, tendo en conta o bo nivel dos intérpretes galegos de música clásica, explicou Anxo M. Lorenzo. Neste sentido, para o certame foron escollidos tres galegos: os pianistas Yuri Durán e Cristina Bernal e o cellista Jorge Suárez. O espectáculo a pé de rúa, Música nos balcóns, será o venres 7 de xullo e nel sete novos talentos internacionais ofrecerán a súa obra desde catro edificios emblemáticos no casco histórico compostelán. Tamén ofrecerán un concerto no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o domingo 9 de xullo e o martes 11 poderán actuar como solistas no tradicional concerto coa Real Filharmonía de Galicia.
Tamén artistas consagrados
Ademais, o festival contará con consagrados artistas internacionais como a violinista Diana Poghosyan, os pianistas Gala Chistiakova e Diego Benocci, o cellista Roger Morelló Ros, a pianista Ilona Timchenko, a clarinetista Jean Johnson e o cellista Iván Balagyer Zarzo.
En canto á homenaxe a Rachmaninoff, estará presente en todo o festival nas pezas musicais que se interpreten. En concreto, Peregrinos Musicais comezará cunha obra creada polo recoñecido compositor na honra de Tchaikovski. Toda a información e programa pode consultarse na web do festival www.peregrinosmusicales.com.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.