
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio do proceso de selección dos integrantes do elenco, en tanto que as bases do procedemento se poden consultar na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto a partir de mañá e ata o martes 27 de xuño.
Tamara Canosa será a directora desta montaxe que xogará coas premisas que rexen os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das coordenadas deste tipo sobre as que pivotará unha produción que, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phōnē, no que participan de xeito transversal distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e outras entidades teatrais galegas.
Esta iniciativa, que emprega o teatro como ferramenta para a posta en valor de linguas minoritarias, aglutina diversas estruturas escénicas a nivel comunitario vencelladas a linguas como o frisón, o alto e o baixo sorobio, o yiddish, o ladino, o gaélico, o bretón e o keven. Deste xeito, o novo espectáculo do Centro Dramático Galego explorará novas vías de desenvolvemento creativo e de intercambio cultural ao formar parte dun proxecto que implica entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e os Países Baixos.
Para levar a cabo esta obra, a institución teatral dependente da Xunta confía a dirección do espectáculo na actriz e directora Tamara Canosa (A Coruña, 1983). A súa traxectoria abrangue tanto o traballo no audiovisual como na escena. Participou en series televisivas como Valderrei ou A vida por diante e en fitas como Heroína ou Pradolongo, pola que recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina. En teatro, como actriz participou en producións como A pensión, de Redrum Teatro, e exerceu a dirección en espectáculos como Liberto ou Amantis, ambas as dúas con Rebordelos (produtora propia que encabeza xunto a Xacio Baño), e Soños, de Culturactiva.
Reposición de Terceiro acto en xaneiro
O Centro Dramático Galego recuperará en xaneiro Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e estreada en abril 2021. A súa exhibición, realizada integramente no escenario do Salón Teatro, produciuse nunha época de restricións na actividade escénica por mor da crise sanitaria derivada da covid-19. A Xunta rescata a montaxe por ese motivo e tamén polo seu significado de homenaxe á historia do noso teatro, xa que o seu elenco reunía a Mabel Rivera, Belén Constenla, Fernando Morán, Roberto Leal e Eduardo R. Cunha Tatán como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia. Todos eles volverán encarnar o espectáculo en 2024.
Terceiro acto volverá en xaneiro así ao Salón Teatro e xirará por Galicia ao longo do segundo semestre do vindeiro 2024, ano no que se farán 40 anos da estrea do Woyzeck que, dirixida por Xúlio Lago, inaugurou a actividade do Centro Dramático Galego, e mais de Agasallo de sombras, montaxe escrita e dirixida por Roberto Vidal Bolaño que foi o primeiro texto orixinal galego levado á escena pola unidade de produción teatral da Xunta de Galicia.
Neste 40º aniversario, ademais de traer de novo a cartel Terceiro acto e de estrear a montaxe dirixida por Tamara Canosa, o Centro Dramático Galego continuará coa súa labor a prol da accesibilidade e da territorialización da súa actividade anual. Esta dinámica incluirá, entre outras iniciativas, a coprodución dun espectáculo de pequeno formato que percorrerá numerosos concellos de Galicia no vindeiro 2024, ano en que tamén cumprirán 25 anos desde a reapertura do Salón Teatro como sede do Centro Dramático Galego.
En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'. A mesma revista que difundiu o polémico artigo, PNAS (Proceedings of the National Academy of Sciences), acaba de publicar una carta firmada por Martín Olalla e Mira Pérez na que se evidencia que as conclusións do estudo non están soportadas por indicios reais.
Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.