
Distínguese este certame pola especial concorrencia aos seus premios de escritores en galego e castelán, de Galicia, resto de España e Hispanoamérica, que participan remitindo os seus traballos especialmente por Internet.
Á presente edición concorreron un total de 913 traballos, dos que 409 foron no apartado de Poesía e 504 en narrativa, que participaron nos Premios de Narrativa, Poesía e Camiño de Santiago (este, para traballos nas dúas modalidades).
Se ben ao recibirse por correo electrónico a inmensa maioría dos traballos non é posible acreditar a procedencia dos concursantes, o abano de premiados evidencia o ámbito de influencia desta convocatoria anual, sendo esta edición a que rexistrou unha especial dispersión dos premios.
Así, os premios de narrativa foron para escritores/as de Arteixo, Buenos Aires, Cáceres, Huelva, Murcia e Madrid. Os de poesía, para A Coruña, Argentina, Lugo, México e Cádiz. E os Camiño de Santiago para concursantes de O Courel, Madrid, Asturias, Sevilla e Barcelona.
Estiveron presentes na xuntanza do xurado os membros José Manuel Mato Díaz, Alcalde; Angel Fernández López e Xesús Mato Mato (Fillos predilectos do Concello); José Antonio Giz Paz (Director de GaliciaDigital), Xulio Xiz (xornalista) e a Secretaria do Concello, Ruth López-Mosquera García. Enviaron as súas valoracións das obras Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Xavier Rodríguez Barrio (escritor) e Santiago Rodríguez López (fillo do homenaxeado) desde Bristol (Reino Unido).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.