Noticias

A Filmoteca de Galicia estrea as películas filmadas por 74 estudantes de catro centros de ensino no marco do programa Cinema en Curso

A Filmoteca de Galicia acolleu a estrea de tres documentais e un filme de ficción rodados polo alumnado dos catro centros de ensino participantes en Cinema en Curso 2022-23. Esta iniciativa internacional de pedagoxía do audiovisual, organizada pola asociación A Bao A Qu e coordinada en Galicia pola cinemateca da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, forma parte do Plan Proxecta para a Innovación Educativa da Xunta e na que participaron nesta edición 74 estudantes e 14 docentes de institutos e escolas de Betanzos, Cangas, Ponte Candelas e Cercedo-Cotobade.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu esta mañá na Coruña ás proxeccións que tiveron lugar na Sala José Sellier, onde os catro grupos presentaron cadansúa produción e mantiveron un coloquio tras cada pase.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades dirixiuse aos presentes como “un exemplo de capacidade de aprendizaxe a través do cinema, dos seus procesos de realización e dos moitos e positivos valores que a dinámica de traballo en equipo transmite”. Así mesmo, puxo en valor a implicación dos catro cineastas galegos que guiaron os traballos deste programa: Xacio Baño, Marcos Flórez, Alejandro Tarraf e Ángel Santos.

Ver e facer cine

Cinema en Curso, proxecto internacional que estende o seu campo de acción a España, Chile, Alemaña e Arxentina, desenvolveu ao longo do ano académico obradoiros co alumnado participante. Nestas sesións periódicas, traballáronse diferentes aspectos da ficción e mais do documental, partindo dunha metodoloxía educativa fundamentada no vínculo entre ver cine e facer cine. Os diferentes procesos creativos, que culminaron hoxe na estrea, estarán dispoñibles nos vindeiros días na web de Cinema en Curso e proxectaranse tamén en varios festivais audiovisuais galegos.

A Sala José Sellier iniciou a xornada coa proxección da peza O pasar do tempo, un retrato documental de dúas familias que organizan o seu día a día ao redor do coidado dos animais en dúas aldeas galegas. Este filme foi realizado polo alumnado de sexto de primaria do Colexio de Tenorio, centro do municipio Cercedo-Cotobade, e contou co acompañamento de Marcos Flórez.

A pegada que deixas é a proposta documental artellada dende o Colexio A Reigosa de Ponte Caldelas. O filme, que contou co acompañamento de Alejandro Tarraf, amosa a rutina dos derradeiros ferradores que seguen en activo neste municipio pontevedrés.

Os antigos comercios e oficios de Betanzos protagoniza Arkhé. O fluír do tempo, obra das alumnas de 4º da ESO do Instituto As Mariñas. Esta obra documental, que aborda a evolución de establecementos e profesións da localidade en diversas épocas, dispuxo da guía de Xacio Baño para o seu desenvolvemento.

As distancias, a única fita de ficción que se puido ver hoxe na Filmoteca de Galicia, está asinada polo curso de sexto de primaria do Colexio A Rúa de Cangas. A historia, titorizada por Ángel Santos, reflicte na súa metraxe os modos de achegármonos á dor diante da ausencia dun ser querido.

R., 2023-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES