Noticias

As Medallas Castelao 2023 recaen en Ledicia Costas, Siniestro Total, Susana Rodríguez Gacio, Lino de Prado e Rafael López

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o nome dos galardoados coas Medallas Castelao 2023 que distinguen aos galegos que fixeron contribucións senlleiras e levaron o nome de Galicia máis aló das nosas fronteiras. Os premiados son a escritora Ledicia Costas, o grupo Siniestro Total, a deportista Susana Rodríguez Gacio, o empresario Lino de Prado e o oncólogo Rafael López. A Medalla Castelao é unha condecoración civil ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario e intelectual.

Rueda salientou que a Xunta decidiu galardoar a escritora Ledicia Costas, “unha das autoras mais recoñecidas e traducidas da literatura galega”. Gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, é autora de 16 libros infantís, unha novela de adultos e poemarios.

Tamén no eido Cultural, o Goberno galego recoñece a traxectoria do grupo de punk-rock Siniestro Total, liderada durante case 40 anos por Julián Hernández e que “foi un referente dos anos da movida en Galicia”, salientou o presidente.

Outra das Medallas Castelao deste ano recae na médica e atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio. Ouro nas Olimpiadas de Toquio, Rueda explicou que Rodríguez “conta ademais con nove medallas no Campionato Mundial de Triatlón adaptado, sete no Campionato Europeo de Triatlón adaptado e acaba de revalidar o título de campioa de Europa en paratriatlón”.

O empresario ouresán Lino de Prado, que emigrou hai décadas a México onde desenvolveu diferentes proxectos empresariais e foi directivo de Inditex, é outro dos premiados nesta edición “polo seu carácter emprendedor”. “É un dos empresarios máis destacados de México e nunca esqueceu as súas orixes galegas”, resaltou Rueda.

Por último, a Xunta concede a Medalla Castelao ao xefe de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael López, polo seu “compromiso e dedicación para seguir avanzando na loita contra o cancro”. López lidera diferentes grupos de investigación a nivel nacional e internacional e ten publicados artigos en prestixiosas revistas científicas.

A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no eido artístico, literario e intelectual. “A gala de entrega celebrarase o vindeiro 28 de xuño, coincidindo co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao”, explicou o presidente.

R., 2023-06-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES