Actualidad de Tecnología

Noticias tecnologia

O Instituto IES Maximino Romero de Lema, na localidade coruñesa de Zas, presentou a súa aposta pola innovación educativa por parte dos dous docentes deste centro que son autores do primeiro manual escolar de intelixencia Artificial en Galicia. Editado por Medulia, o manual Intelixencia artificial para a sociedade propón un achegamento a estas novas tecnoloxías desde unha visión clara e pedagóxica. Inclúe tanto a perspectiva teórica, cun repaso sobre a evolución da disciplina, como múltiple supostos prácticos con información arredor das principais ferramentas neste eido e as súas posibilidades de aplicación. O libro reflexiona, así mesmo, sobre os desafíos éticos, sociais e legais da intelixencia artificial.
Os centros educativos galegos ofrecerán por primeira vez campamentos gratuítos de balde para as familias. Trátase do novo programa Dixicamp, que contará con máis de 9.000 prazas gratuítas e cuxa temática se centrará na mellora das competencias dixitais do alumnado. Este programa, dirixido ao alumnado de entre 9 e 17 anos, ofrecerá estadías en quendas dunha semana de duración que terán lugar desde o 23 de xuño ata o 5 de setembro, é dicir, coincidindo co período de vacacións escolares, cando os centros abrirán para acoller esta iniciativa. Estes campamentos estarán atendidos por profesionais especializados en competencias dixitais contratados especificamente.
A idade é a principal condicionante da evolución da modernización tecnolóxica nas áreas do rural de Galicia nas que, por primeira vez, a contratación de internet de banda larga acadou o 90,3% en 2023, segundo se desprende dos datos incluídos no informe que ven de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). A contratación de internet de banda larga medrou dende un 69,4% en 2016 ata o 90,3% de 2023, o que implica un crecemento de máis dun 30%. A porcentaxe achégase cada vez máis a media de Galicia, que está nun 94,3%, o que indica que se está a reducir a fenda entre os ámbitos rurais e urbanos.
O Consello da Xunta deu luz verde ao Plan sanitario galego de inverno 2024-2025 que conta como novidades cunha rede de farmacias sentinela e un modelo matemático que servirán para predicir as necesidades asistencias derivadas de infeccións respiratorias agudas. Así, Galicia será pioneira na posta en marcha deste plan para afrontar coas máximas garantías a tempada de gripe e de infeccións respiratorias, a través da prevención, a vixilancia epidemiolóxica, a planificación dos recursos asistenciais e o seguimento e monitorización continua. O plan suporá un investimento extraordinario de 8 millóns de euros en persoal, que se suman aos 11,3 millóns de orzamento da campaña de vacinación.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o Proxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia que agora será remitido ao Parlamento. Deste xeito, salientou que, 'Galicia convértese na primeira rexión europea en regular por lei o deseño, adquisición e uso desta ferramenta, primeiro na administración e logo en toda a sociedade'. O obxectivo, tal e como resaltou o conselleiro de Facenda e Administración pública, Miguel Corgos, é garantir un desenvolvemento e unha utilización da intelixencia artificial 'ética, segura, fiable e centrada nas persoas'. 'Dotamos á comunidade dun marco xurídico estable que de certezas e blinde dereitos', engadiu.
O Galiverso, proxecto de realidade virtual impulsado pola Xunta de Galicia, estrea unha nova experiencia que achega ao público marabillas naturais, arqueolóxicas e históricas de Galicia nos que a pedra é a protagonista. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participaron hoxe na presentación do novo Galiverso no corazón da pedra, que pode visitarse a partir desta tarde na Cidade da Cultura e do que tamén poderá gozar o público que esta fin de semana se achegue a Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
O expositor da Consellería de Educación foi realizado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital. Este stand chamou a atención dos asistentes a feira polo emprego da IA, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta, entre os que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa. Tamén o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional.
Celebrouse un acto divulgativo sobre o desenvolvemento dun corredor tecnolóxico transfronteirizo de mobilidade de hidróxeno renovable no que colabora o Goberno galego. O obxectivo desta iniciativa que leva por nome Hi MOV é o de impulsar en Galicia e Portugal unha cadea de valor arredor do hidróxeno verde. O acto tivo lugar nas instalacións do Cetmar en Vigo e serviu para que os socios do proxecto compartiran experiencias e propostas. Participan no proxecto o CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), outros tres centros tecnolóxicos como EnergyLab, PIEP e CEiiA, e as universidades de Santiago de Compostela, Minho e Porto.
O Proxecto Xenoma Galicia botará a andar a vindeira semana co envío de SMS de citación a 2.000 persoas no marco da fase piloto. Trátase dun conxunto de cidadáns seleccionados para conformar unha mostra representativa da poboación galega na súa diversidade, contando con persoas dos dous sexos, de diferentes franxas de idade e residentes en distintas contornas, tanto rurais como urbanas. Logo desas citacións, no mes de decembro, procederase á toma de mostras de sangue do primeiro grupo de 1.000 participantes, nun proceso que se desenvolverá de xeito simultáneo nos 14 hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde.
Galicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos modelos. Así se puxo de manifesto nos distintos encontros mantidos ao longo de tres días no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos que concluíu hoxe en San Sebastián e nos que participou unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta.
« Anterior | 4  de  59 | Siguiente »

Notas tecnologia

Este venres día 27 de xuño, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acollerá a visita do prestixioso investigador Bradley Moore, profesor da Scripps Institution of Oceanography da Universidade de California, San Diego. Esta visita enmárcase dentro da estratexia de internacionalización de transferencia de coñecemento do centro, e conta co apoio da Rede CIGUS, a cal integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías , centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, inaugurou a súa nova sede, coa que o centro pretende reforzar a súa xa destacada participación nos experimentos máis punteiros do mundo no ámbito da física. As instalacións, cunha superficie de máis de 5.000 m2, son froito dun investimento de máis de cinco millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, cos que se acometeu a renovación e ampliación das dependencias situadas nas plantas baixas do edificio do Monte da Condesa, no Campus Sur de Santiago.
Entre os anos 2016 e 2018, o experimento ANITA (Antarctic Impulsive Transient Antenna), unha rede de antenas montada en globo sobre a estratosfera da Antártida, detectou dous misteriosos sinais de emisión de radio que espertaron un grande interese na comunidade científica. Parecían proceder do interior da Terra, coma se a partícula que as producise tivese atravesado miles de quilómetros do subsolo sen interactuar con ningunha outra partícula.
O International Space Science Institute-ISSI acaba de prolongar dous anos máis o proxecto que desde o ano 2022 desenvolve un equipo internacional liderado polo físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel que estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.
O Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC acolleu a xornada organizada pola UDC, no marco da iniciativa UDC Conecta, e o Consello Económico e Social de Galicia, sobre o impacto presente e futuro da IA na sociedade, no emprego e na competitividade empresarial. Un evento que contou coa participación de especialistas en IA da UDC, representantes institucionais e axentes sociais e económicos.
O campus de Vigo converteuse no epicentro da investigación mariña en Galicia coa celebración da sexta asemblea científica do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, encontro no que se reúnen máis de 150 investigadores das principais institucións científicas galegas para presentar os resultados dunha iniciativa considerada como 'fundamental para o coñecemento, a xestión sostible e a protección do medio mariño galego'.
O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) ven de celebrar unha xornada de divulgación en torno aos 7 Proxectos de Xeración de Coñecemento concedidos na última convocatoria do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. A xornada, de carácter multidisciplinar, foi presentada polos directores do CITEEC Fernando Martínez Abella e Juan R. Rabuñal Dopico.
Dende o luns 16 ao mércores 18 de xuño, desenvólvese na Facultade de Matemáticas da USC, a NoLineal 2025 que chega xa á súa edición número catorce. A tamén denominada International Conference on Nonlinear Mathematics and Physics está organizada pola Facultade de Matemáticas da USC e o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). O Congreso NoLineal 2025 forma parte dunha serie de encontros científicos que naceron no ano 1997.
A AtlánticaConf 2025, o evento de referencia no sector de tecnoloxías da información en Galicia, regresa á Facultade de Informática da Universidade da Coruña os días 13 e 14 de xuño. Esta será a terceira edición da conferencia, tras o éxito da primeira en 2019 e unha segunda edición en 2023 que logrou reunir a máis de 400 participantes.
A Universidade de Vigo, a través do Centro de Investigación Mariña (CIM), lidera SecrioNet, unha innovadora rede científica nacional para o desenvolvemento e a colaboración en criobioloxía, recentemente financiada pola convocatoria 2024 do programa Redes da Axencia Estatal de Investigación. O proxecto, coordinado pola investigadora do CIM Estefanía Paredes Rosendo, marca un fito na vertebración do coñecemento criobiolóxico en España.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES