Notas de prensa

O CITEEC reúne á súa comunidade investigadora nunha xornada divulgativa dedicada aos Proxectos de Xeración de Coñecemento

O Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) ven de celebrar unha xornada de divulgación en torno aos 7 Proxectos de Xeración de Coñecemento concedidos na última convocatoria do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. A xornada, de carácter multidisciplinar, foi presentada polos directores do CITEEC Fernando Martínez Abella e Juan R. Rabuñal Dopico.

Este evento reuniu na Sala de Visualización do centro a persoal investigador vinculado aos diferentes laboratorios do CITEEC, e deu comezo coa intervención do Grupo de Mecánica de Estruturas (GME).

Jacobo Díaz García presentou o proxecto no que traballa con Aitor Baldomir García sobre a optimización do deseño global das aeroestruturas, como os tanques de almacenamento de combustible ou as estruturas de fuselaxe multi-burbulla, para incrementar a súa eficiencia e seguridade. Dentro do mesmo grupo de investigación, Félix Nieto Mouronte interveu cun proxecto baseado no estudo de técnicas de baixo custo para mellorar o comportamento aeroelástico de pontes de gran van fronte á acción do vento.

O Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) tamén participou con dous proxectos de investigación. Jerónimo Puertas Agudo compartiu a proposta que lidera xunto a Luis Cea Gómez sobre a mellora das previsións de inundación proporcionadas actualmente polos modelos meteorolóxicos mediante a utilización de técnicas de IA, con resultados moi prometedores con data de 3 anos.

No ámbito portuario, José Sande González-Cela presentou un proxecto enfocado na monitorización e a utilización de técnicas avanzadas e Machine Learning para mellorar a seguridade e eficiencia dos portos, no que tamén traballan Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico.

Dende o Grupo de Construción (gCONS), Sindy Seara Paz e Belén González Fonteboa achegaron os seus avances sobre a incorporación da nanocelulosa procedente de biomasa ao formigón, co obxectivo de promover un desenvolvemento máis sostible e eficiente no sector da construción, aumentando a durabilidade do material a longo prazo mediante o selado de fisuras, proxecto no que tamén participa Blas Cantero Chaparro.

Finalmente, no que respecta ao Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI), durante a xornada José París e Fermín Navarrina presentaron o proxecto no que están a traballar, o cal xira arredor da optimización topolóxica de estruturas mediante métodos matemáticos, é dicir, o modelo de cálculo permite deducir, a partir da forma e das dimensións, o deseño máis adecuado para cada estrutura.

Por outra banda, a investigación dirixida por Guillermo Lorenzo González sobre oncoloxía computacional está orientada á descrición e predición do crecemento de tumores do cancro de próstata e a súa resposta a diversos tratamentos. O proxecto enfócase en deseñar e implementar métodos computacionais para optimizar a atención clínica da enfermidade mediante predicións personalizadas.

A xornada puxo de manifesto o alto nivel científico dos equipos de investigación que integran o CITEEC, ademais do seu compromiso co avance do coñecemento en múltiples disciplinas. A presentación dos proxectos concedidos no Plan Nacional permitiu visibilizar os avances acadados dende a concesión da financiación, ademais de intercambiar ideas entre o persoal investigador e promover a colaboración entre as diferentes áreas estratéxicas do centro.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-06-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES