
O evento recolleu unha visión ampla das oportunidades e retos da aplicación da intelixencia artificial nas empresas e administracións. Analizouse como afecta ao emprego a incorporación masiva desta tecnoloxía, así como ferramentas baseadas en IA para casar as necesidades e a demanda. Revisáronse cuestións legais e éticas de gran relevancia, que deben ser tidas en conta á hora de implantar unha solución de intelixencia artificial. Por último, mostráronse exemplos da aplicación da IA en numerosos sectores produtivos e sociais, demostrando que as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial para a mellora da competitividade, produtividade e sustentabilidade de empresas e administracións son xa realidades tanxibles.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, participaba na clausura do evento, destacando o papel da IA non só como unha ferramenta técnica: é un fenómeno que transforma o xeito en que traballamos, aprendemos, nos relacionamos e tomamos decisións.
Cao reafirmou o compromiso da Universidade da Coruña coa investigación de excelencia, como a que se desenvolve no CITIC, así como coa formación dos profesionais do presente e futuro, ao tempo que destacou a importancia da colaboración entre universidade, administracións e tecido produtivo para garantir que a IA se desenvolva ao servizo das persoas e do ben común.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.