
Organizada polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), unha asociación sen ánimo de lucro que busca promover o software libre, o hardware libre e o coñecemento aberto, en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (Agasol), a AtlánticaConf 2025 promete ser un encontro único no que se mostrará a potencia tecnolóxica que se desenvolve en Galicia e as súas aplicacións prácticas.
Durante dous días intensos, a AtlánticaConf 2025 ofrecerá unha programación diversa, poñendo en valor a profesionalidade, a variedade e a riqueza da industria tecnolóxica galega. Contará con charlas de 30 minutos, charlas rápidas de 7 minutos e talleres organizados por comunidades tecnolóxicas. Este ano recibíronse máis de 125 propostas, das cales se aceptaron máis de 50 relatorios que destacan pola súa calidade e contido. Participantes que traballan na industria tecnolóxica compartirán as súas experiencias e coñecementos en campos como a intelixencia artificial, sistemas distribuídos, deseño e aplicacións especializadas, como a xestión de residuos, a cardioloxía e o seguimento de hábitats.
A AtlánticaConf é ou sitio non que podes ver a profesionais galegos falando de tecnoloxía e que che demostran que non fai falta irte fóra de Galicia para traballar e para facer grandes proxectos con impacto global, destaca Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego. Temos a sorte de ter unhas charlas dun grandísimo nivel que representan a potencia tecnolóxica do sector en Galicia. E por riba contamos con relatores de startups galegas de referencia a nivel internacional e profesionais que traballan para empresas tan potentes como Ikea, Google ou Cabify, un auténtico orgullo.
A AtlánticaConf 2025 proporcionará un espazo para a aprendizaxe, a colaboración e oportunidades de networking. Os asistentes terán a oportunidade de interactuar con expertos, compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos nunha contorna estimulante e acolledora.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.