Notas de prensa

O equipo internacional liderado desde a UVigo que estuda o impacto do cambio climático na atmosfera continuará dous anos máis o seu traballo

O International Space Science Institute-ISSI acaba de prolongar dous anos máis o proxecto que desde o ano 2022 desenvolve un equipo internacional liderado polo físico da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel que estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.

A ampliación prodúcese para poder estudar máis en profundidade estes impactos e outros novos detectados durante o desenvolvemento do estudo.

No proxecto participaron ata o de agora once institucións de sete países, estando ademais da UVigo a Universidade de Oxford, a Nasa, o MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR), o Centro de Investigación Antártica de Reino Unido, a Charles University de República Checa, o Instituto Nacional de Investigacións Avanzadas da India, o Instituto Meteorolóxico de Finlandia, o Instituto Meteorolóxico dos Países Baixos e a Universidade de Leeds. Nesta segunda etapa manterase o mesmo equipo aínda que desde o proxecto explican que non está asegurada a representación da Nasa polas restricións impostas para a colaboración internacional aos seus científicos polo actual goberno de EEUU.

Por parte da Universidade de Vigo participa Juan Antonio Añel, que é o director deste grupo internacional, e Laura de la Torre, membros os dous do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) e docentes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Amosando a súa satisfacción por acadar esta continuación do proxecto, o seu responsable destaca que supón “todo un pulo que se revalide a confianza en alguén da UVigo para seguir liderando este traballo tendo en conta a xente tan boa e de tantos centros de investigación tan prestixiosos de todo o mundo que participan nel”.

Continuidade de obxectivos e novos impactos a avaliar

Os obxectivos do proxecto mantéñense, ampliando a profundización neles. En primeiro lugar, sitúase avaliar en que estado está a monitorizar dos impactos do cambio climático nas capas máis altas da atmosfera. Hai, sinala Juan Antonio Añel, unha gran falla de datos e sistemas de observación, estando moi restrinxido o coñecemento actual sobre os impactos do cambio climático á parte máis baixa da atmosfera do planeta. O equipo internacional proponse ademais construír unha base de datos de observacións da atmosfera media para poder estudar mellor ditos impactos e cuantificar o impacto das emisións dióxido de carbono na ionosfera e certas propiedades da atmosfera alta, tales como a densidade de electróns. “Isto é importante porque está afectando á navegación de satélites e ao seu tempo de reentrada na atmosfera e aumentando o tempo de permanencia en órbita do lixo espacial e polo tanto aumentando a súa cantidade”, sinalan. Tamén, no marco desta iniciativa farase un informe con recomendacións sobre como solucionar estes problemas.

O proxecto arrancou en 2022 tras ser un dos seleccionados na convocatoria anual para financiar equipos de traballo nos temas máis relevantes do momento en investigación espacial e de monitorización da terra que realiza o ISSI, entidade financiada principalmente pola Axencia Espacial Europea, a Academia de Ciencias de Suíza e a Axencia Espacial de Xapón e que conta coa participación de numerosas institucións de referencia. Entre as razóns de estender dous anos máis a súa realización, está, explica Juan Antonio Añel, “que ao longo destes dous anos identificáronse impactos do cambio climático que descoñeciamos na alta atmosfera que fan que sexa importante investigar moito máis o que está a ocorrer”. Entre estes impactos cita que os meteoritos están penetrando moito máis na atmosfera debido á perda de densidade desta capa causada polas emisións de dióxido de carbono, que tamén está a aumentar as probabilidades dunha colisión de satélites”.

Outro elemento que motivou a continuidade deste grupo de traballo é que "a reentrada de satélites artificiais que se queiman na atmosfera está aumentando a cantidade de algúns metais en suspensión nela, como por exemplo o aluminio”. Tamén é importante, engade Juan Antonio Añel, “que temos estado a traballar no lanzamento de novos satélites para ser capaces de monitorizar todos estes cambios e este é un traballo en curso”. Así, detalla, neste senso en xullo asistirá como director deste grupo a unha xuntanza na Axencia Espacial Europea en Praga na que se decidirá o posible lanzamento dunha misión de satélite que axudaría a monitorizar os problemas abordados neste proxecto.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES