
No acto, o reitor Antonio López lembrou o papel desenvolvido por Carlos Pajares ao actuar como un visionario que apostou pola proxección internacional da nosa investigación e situou este instituto como o primeiro dun novo modelo que abriu o camiño dos centros singulares que viñeron despois. Para o reitor, o IGFAE é un centro implicado nos proxectos de máis relevancia do seu ámbito no plano internacional sen esquecer a transferencia dos seus resultados á sociedade para a mellora das condicións de vida. Comeza unha nova etapa cunha nova infraestrutura, aínda que o máis importante segue a ser o seu talento e os recursos humanos, sentenciou.
Pola súa banda, o director do IGFAE, Carlos Salgado, que destacou a importancia de dispoñer dun espazo acorde á traxectoria e ao potencial científico do instituto, definiu este acto como fito histórico da ciencia en Galicia que permitirá dar respostas aos novos desafíos científicos ao permitir abordar proxectos ambiciosos.
Para a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o IGFAE e a súa vocación de ser centro punteiro encarna tamén unha vontade de ser vangarda, de rachar fronteiras sen renunciar ao que somos. Esta dotación permite construir cultura cientifica arraigada aquí; porque dende aquí se pode facer investigación do máximo nivel.
En termos similares se pronunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, logo de agradecer a aqueles que iniciaron o camiño, manifestando o seu compromiso de seguir con esta aposta porque é intelixente. Hai que tentar facer xurdir o talento, retelo e recuperar o que marchou. Temos que ser unha terra con institucións apetecibles para desenvolver unha carreira investigadora, dixo.
Grandes retos da física nas próximas décadas
Tal e como salientou Carlos Salgado na súa intervención, a comunidade científica internacional no ámbito da física afronta anos de grandes cambios. Así, tomaranse decisións clave sobre os grandes proxectos da década de 2040 como o próximo acelerador do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) ou a construción do Einstein Telescope para o estudo das ondas gravitacionais. Do mesmo xeito, a ciencia e a tecnoloxía cuánticas estanse a converter nunha liña estratéxica da investigación en numerosos países, tamén en Galicia, da man de institucións como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE.
Neste contexto, o persoal do IGFAE ocupa actualmente posicións de liderado en grandes colaboracións internacionais, como o experimento LHCb do CERN ou a colaboración LIGO. Grazas ás capacidades e tecnoloxías que permitirá desenvolver a nova sede, o centro galego estará en mellor disposición de dar un salto cualitativo na súa visibilidade nestes e outros proxectos de nivel global, apuntou Salgado.
Así, a partir de agora o IGFAE contará con sete laboratorios para diferentes tecnoloxías, incluíndo unha sala limpa de 120 m2, un espazo no que se proxecta a instalación dun simulador cuántico no marco dunha alianza co CESGA, un taller de micromecanizado, un de metroloxía e outro de desenvolvemento de escintiladores.
Desde a súa primeira acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu (foi o primeiro centro de investigación galego en conseguilo) en 2017, o IGFAE duplicou o seu cadro de persoal, pasando de arredor de 70 a uns 140 integrantes na actualidade. As novas dependencias están enfocadas cara a esta nova realidade, ademais de fomentar as visitas e estadías de perdoal doutros países, en diferentes etapas da súa carreira, para reforzar as vías de colaboración en diversos proxectos.
Alén da perspectiva científica, o edificio foi deseñado para favorecer a comunicación entre os membros do IGFAE, e para acoller accións que impulsen a proxección do centro cara a sociedade, desde a contorna máis inmediata ata o ámbito internacional.
Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu no ano 1999, co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica no ámbito da física de partículas, astropartículas e nuclear, así como en campos relacionados como a física médica e a instrumentación.
Desde a súa creación, un dos seus puntos fortes foi a aposta pola internacionalización, integrándose en grandes instalacións experimentais de ámbito mundial e construíndo equipos de investigación que hoxe son unha referencia nos eidos teórico e experimental. Na actualidade, preto do 25% do persoal do centro procede doutros países, e un 93% das publicacións científicas teñen coautoría internacional.
No ano 2017, o IGFAE foi recoñecido como Unidade María de Maeztu, a acreditación máis prestixiosa e competitiva outorgada pola Axencia Estatal de Investigación. No ano 2024 o IGFAE renovou esta acreditación, sendo o único centro galego con dúas destas distincións. Ademais, forma parte da rede de centros CIGUS da Xunta de Galicia desde o ano 2019, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Na última década, o persoal do Instituto destaca polo seu éxito en convocatorias internacionais, como os proxectos de excelencia do Consello Europeo de Investigación (ERC) ou as bolsas Marie Curie da Comisión Europea. O IGFAE tamén se viu recoñecido en 2017 e 2025 cos premios Breakthrough, coñecidos como os Oscar da Ciencia, polos avances acadados no marco das colaboracións LIGO e LHCb-CERN.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.