
A conferencia, titulada Understanding the Specialized Chemistry of the Oceans Living Wonders to Improve Human Health, terá lugar ás 12:00 h no salón de actos do CICA, e está aberta ao público, con preferencia para o persoal investigador do centro. Durante a súa intervención, o Dr. Moore afondará no potencial terapéutico das moléculas producidas por microorganismos mariños, unha fonte aínda pouco explorada pero que representa unha fronteira emerxente na loita contra enfermidades como o cancro, infeccións bacterianas ou enfermidades inflamatorias.
Referente na bioprospección mariña
O Dr. Moore é unha figura recoñecida internacionalmente polos seus estudos pioneiros en química mariña, biosíntese de produtos naturais e enxeñaría xenética de microorganismos mariños. A súa traxectoria, que combina a bioloxía molecular, a oceanografía e a química orgánica, sitúao como un dos principais expertos no descubrimento de compostos bioactivos procedentes do océano.
O seu grupo de investigación desenvolve estratexias de manipulación xenética para mellorar a produción de moléculas con actividade farmacolóxica e facilitar a súa aplicación en biomedicina, un enfoque que pode acelerar o desenvolvemento de novos fármacos.
O océano como farmacia natural
Na súa charla no CICA, o Dr. Moore compartirá casos concretos de fármacos en fase de desenvolvemento. Estes compostos mostran unha sorprendente diversidade estrutural e funcional, o que os converte nun recurso clave para afrontar retos sanitarios actuais como a resistencia antimicrobiana.
Esta visita enmárcase na liña de accións impulsadas polo CICA para promover a excelencia científica e as posibles sinerxías que poidan suceder entre grupos de investigación do centro e persoas expertas internacionais de primeiro nivel.
Sobre o CICA
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) creouse en 2015 como un centro de investigación de ciencias avanzadas que conta con máis de 200 investigadores e investigadoras pertencentes a tres áreas científicas: Biomedicina; Alimentación, Contaminación e Saúde; e Nanociencia e Materiais Avanzados.
Desde 2024, o CICA conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilidade da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.