Notas de prensa

150 investigadores e investigadoras participan en Vigo na última asemblea científica do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia

O campus de Vigo converteuse no epicentro da investigación mariña en Galicia coa celebración da sexta asemblea científica do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, encontro no que se reúnen máis de 150 investigadores das principais institucións científicas galegas para presentar os resultados dunha iniciativa considerada como 'fundamental para o coñecemento, a xestión sostible e a protección do medio mariño galego'.

A cita marca un fito no calendario científico galego ao tratarse da última presentación conxunta de resultados antes da clausura oficial do programa, prevista para o vindeiro mes de decembro.

O director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, Daniel Rey, foi o encargado de abrir a xornada destacando a importancia dun programa que, segundo sinalou, “representa un exemplo de colaboración entre centros e institucións galegas na procura de solucións sostibles fronte aos grandes retos ambientais do océano”. Aproveitou tamén esta ocasión para pór en valor o esforzo coordinado realizado nestes anos e manifestou a necesidade de garantir a continuidade do traballo desenvolvido, “porque as capacidades xeradas, os datos obtidos e as redes de cooperación establecidas non poden quedar sen continuidade nun momento tan crítico para a saúde mariña e costeira”.

Pola súa banda, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, participou tamén na apertura do encontro destacando o papel decisivo das axudas europeas para impulsar a investigación en Galicia. Subliñou que existen numerosas persoas cunha traxectoria destacada preparadas para desenvolver a súa carreira neste eido e reiterou o apoio da UVigo a este tipo de iniciativas, que permiten visibilizar o potencial da universidade na xeración de coñecemento e no ámbito da investigación científica. “Desde a Universidade de Vigo queremos amosar o noso compromiso firme coa ciencia mariña e co fortalecemento do ecosistema investigador, apoiando espazos como este que visibilizan o músculo científico e a capacidade de xeración de coñecemento do noso sistema universitario”, concluíu.

Ao longo da xornada, estruturada como un espazo de diálogo multidisciplinar, abórdanse os avances finais dos distintos paquetes de traballo, que cobren desde a observación e monitorización do medio mariño ata a transformación socioeconómica das actividades costeiras, pasando polos avances en acuicultura sostible, innovación tecnolóxica e gobernanza do litoral.

Retos mariños baixo a lupa científica

A asemblea, que se prolongará ao longo de toda a xornada, estrutúrase en tres bloques temáticos que permiten afondar nos principais eixes científicos do programa. O primeiro bloque abordou o coñecemento como ferramenta para a xestión sostible do litoral e a transformación social. Entre os relatorios que se presentan destaca un ensaio empírico en Galicia sobre transformacións sociais en sistemas mariños, a análise das novas estratexias de transferencia de coñecemento promovidas polo programa, a estimación do impacto socioeconómico da actividade pesqueira mediante modelos de táboas input-output e unha revisión das novidades xurídicas e políticas en materia de ordenación do litoral galego.

O segundo bloque céntrase na investigación e innovación orientadas a unha pesca e acuicultura sostibles e intelixentes, cun primeiro panel dedicado á xestión dos recursos mariños. Nese contexto preséntanse estudos sobre a reprodución do Sebastes en Flemish Cap, a estimación da consanguinidade en especies comerciais, o descubrimento dun novo sistema de determinación sexual na pescada europea, a resistencia da ostra plana á bonamiose e o uso da metaxenómica para a detección de virus mariños. No segundo panel deste bloque abórdanse novos modelos produtivos de acuicultura resiliente, como os sistemas de cultivo multitrófico en recirculación (IMTA-RAS), o uso de descartes pesqueiros para a elaboración de pensos sostibles para rodaballo, aplicacións de electroencefalografía para avaliar o benestar animal ou melloras nos procesos de reprodución e metamorfose da ameixa fina en criadeiro. Estes relatorios poñen en valor a capacidade do sistema galego de I+D+i para impulsar solucións innovadoras orientadas a aumentar a competitividade do sector sen comprometer a sustentabilidade ambiental.

Na sesión da tarde, o terceiro bloque centrarase na estratexia integrada de observación e monitorización mariña e na valorización dos datos científicos. No primeiro panel presentaranse ferramentas como sistemas de alerta para riscos biolóxicos en acuicultura, métodos automatizados con intelixencia artificial para a lectura de bioensaios, sensores de alta resolución para a detección de alérxenos mariños ou aplicacións para monitorizar a calidade do peixe ao longo da cadea de valor. O segundo panel deste bloque puxo o foco na integración de tecnoloxías e servizos para a xestión dixital do medio mariño, con relatorios sobre a predición de variables bioxeoquímicas, o impacto dos episodios de choiva sobre a presenza de microplásticos nas rías, a creación dun laboratorio virtual mariño e o desenvolvemento dunha plataforma de big data con exemplos de uso en xestión ambiental e pesqueira.

Impulso da mocidade investigadora

Nesta ocasión a asemblea pon especial énfase na participación activa da mocidade investigadora, que conta con espazos propios para a exposición dos seus traballos mediante charlas curtas. Este formato permite visibilizar o relevo xeracional na ciencia mariña galega e poñer en valor as súas achegas en ámbitos como a xenómica, a intelixencia artificial aplicada á pesca ou a análise do impacto do cambio climático nas actividades do litoral.

A xuízo dos seus impulsores, ao longo dos seus anos de desenvolvemento o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia consolidouse como un instrumento clave para reforzar a capacidade investigadora do país, promover a innovación tecnolóxica e contribuír á sustentabilidade do medio mariño e da actividade socioeconómica ligada ao mar. “Iniciativas como esta permiten abordar con rigor científico os desafíos da transición ecolóxica, fomentar a colaboración entre centros de investigación e sectores produtivos e poñer en valor o coñecemento xerado en Galicia como motor de desenvolvemento e resiliencia costeira”.

Programa financiado con 10 millóns de euros

Coordinado por Fran Saborido (IIM-CSIC), Rosa Fernández (CETMAR) e Daniel Rey (CIM-UVigo), o programa conta cun financiamento de 10 millóns de euros, achegados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través dos Fondos Next Generation EU e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). Centrado na ciencia mariña, promove a colaboración entre investigadores e axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar.

Forma parte do Plan Complementario de Ciencias Marinas – ThinkinAzul, xunto coas comunidades autónomas de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciana, Canarias, Illes Balears e Murcia, dentro do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European ResearchersÂ’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES