//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
O DOG publica hoxe a convocatoria para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras da iniciativa dos bonos dixitais, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet. Unha vez que se publique no DOG o listado de entidades colaboradoras poderán solicitarse os bonos, que facilitarán a contratación de servizos de internet a persoas vulnerables, cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O nivel de dixitalización dos rapaciñ@s galegos en 2021 é moi alto. O 91,5% dos rapaciñ@s de 5 a 15 anos usaron dispositivos electrónicos no último ano (teléfonos móbiles con capacidade de conexión a internet, ordenador de sobremesa ou portátil, táblet e similares). O crecemento é do 9,3% nos catro últimos anos. Por idades, cabe salientar que a práctica totalidade (98,9%) dos rapaciñ@s de 10 a 15 anos empregan dispositivos electrónicos fronte ao 81,6% no caso dos máis pequen@s de 5 a 9 anos. En todos os indicadores de dixitalización, as diferenzas de xénero d@s rapaciñ@s son mínimas ou nulas pero os rapaces tenden a dispoñer antes de acceso a algúns dispositivos.
Foi presentado o Polo Aeroespacial de Galicia en Expodrónica 2022, feira que se celebra ata o xoves 23 no marco do World ATM Congress, no recinto feiral Ifema de Madrid, na cal Galicia se posicionou, unha vez máis, como un referente para investir na industria dos sistemas non tripulados. Na exposición ofreceuse unha visión integral da Civil UAVs Initiative relatada a través das voces dos seus protagonistas: a Administración galega, as empresas, os centros tecnolóxicos, as entidades usuarias dos proxectos de Compra Pública de Innovación e as startups.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta acordou hoxe autorizar a subscrición dos convenios entre a Axencia Galega da Innovación (Gain), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para poñer en marcha o programa de comunicación cuántica e, deste xeito, seguir avanzando no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. Cun orzamento de 9,6 millóns de euros, o obxectivo é mellorar a confidencialidade e seguridade das comunicacións a través de sete liñas de traballo.
O Proxecto Nós é unha iniciativa estratéxica impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M. Previsto para levarse a cabo en catro anos, este mes entrou na súa segunda fase de execución, na que se sacarán adiante seis dos oito subproxectos nos que se divide, centrados na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística
O 15 de xuño abre a nova convocatoria da BFAero cun enfoque máis internacional e na busca de sinerxías co Polo Aeroespacial de Galicia. Deste xeito, dáse continuidade á colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo para desenvolver dúas novas edicións, a cuarta e a quinta, cun investimento total de 7,2M co que se pretende apoiar 25 empresas do sector. O obxectivo é potenciar o ecosistema tecnolóxico cun enfoque máis internacional e maximizar as sinerxías entre a aceleradora e o Polo Aeroespacial de Galicia, facendo da BFAero un referente na Unión Europea de innovación aberta e disruptiva no sector.
O tecido empresarial galego investiu en 2021 un total de 545 millóns de euros en tecnoloxía, 88 millóns de euros máis que o ano anterior, o que representa un incremento porcentual do dun 19,4 %. As microempresas destinaron a maior parte do seu orzamento TIC a bens tecnolóxicos mentres o investimento principal das empresas de 10 ou máis empregados destinouse a servizos e consultas tecnolóxicas. Son parte dos datos recollidos no informe 'Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia', publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco do convenio de colaboración, asinado entre a Axencia, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o INE.
O número de centros participantes no programa de libro dixital E-Dixgal elevarase o vindeiro curso a 600, ao abeiro da incorporación de 55 novos centros a esta iniciativa. Dos 55 novos centros en E-Dixgal que se poñen en marcha coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 43 incorporan o programa na etapa de Primaria, 10 en ESO e 2 en Primaria e ESO á vez. Ademais, un centro que xa contaba co programa en Primaria incorpórao para o curso que vén en 1º de ESO. Da totalidade de centros E-Dixgal o 94% son públicos. Por provincias, 216 deles están na da Coruña, 98 na de Lugo, 54 na de Ourense e 232 na de Pontevedra.
Esta nova iniciativa, encamiñada a axilizar a consolidación dos estudios seleccionados e a saída ao mercado dos seus produtos, arrancará cunha etapa de aceleración intensiva con consultorías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Contarase para tal fin coa experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia a nivel estatal e internacional, tanto nesta industria como noutras áreas do emprendemento. Tamén está prevista a organización de actividades de innovación, de eventos de presentación de proxectos e dun programa para a xestión da mobilidade internacional.
Arredor de 70 estudantes de oito centros educativos de Galicia danse cita durante a xornada de hoxe nas instalacións do centro de investigación aeroportada de Rozas ( CIAR), para participar na fase galega do certame de proxectos espaciais CanSat, unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que os alumnos realizan unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos. A Xunta de Galicia apoia por terceiro ano consecutivo a organización da fase galega desta xornada da cal sairán os representantes que acudirán á competición a nivel estatal.
A Oficina Española de Patentes e Marcas concedeu ás universidades de Vigo e León a patente dun sistema de avaliación do equilibrio dinámico e do risco de caídas durante a marcha. Esta innovación é froito das investigacións desenvolvidas por José Luis García Soidán e Vicente Romo, do grupo de investigación Hi10 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, xunto con Raquel Leirós e José Alberto Benítez, da Universidad de León.
Colleitar datos sobre o clima, a temperatura, a humidade e a biodiversidade da selva amazónica e da sabana brasileira, o Cerrado, achegando información crucial para a xestión e conservación destes ecosistemas é a finalidade da misión Perceive, un proxecto no que participan o Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, atlanTTic, e Brasilia, liderada polo investigador do Grupo de Satélites Renato Borges, e a empresa Alén Space.
Un estudo do CiTUS da USC publicado na revista científica NPJ Digital Medicine do grupo Nature analiza o grao de veracidade das respostas que se obteñen na internet ante dúbidas relacionadas coa saúde, a través de buscadores ou ferramentas de Intelixencia Artificial. O CiTIUS seleccionou unha mostra de buscadores web e modelos de IA para analizar o comportamento destes sistemas ante as consultas médicas realizadas polo público xeral.
Con toda as prazas cubertas e mesmo con lista de agarda para futuras edicións, o vindeiro venres a High Tech Auto da Zona Franca de Vigo acollerá unha iniciativa pioneira para achegar a innovación e a tecnoloxía ás persoas con discapacidade intelectual, un curso especializado no sector da automoción impulsado pola UVigo, a empresa Kidcode, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Fundación Adecco.
A procura de alternativas máis sostibles e accesibles aos paneis solares tradicionais, baseados en silicio cristalino, impulsou o desenvolvemento de células solares orgánicas. A diferenza das anteriores, estas empregan materiais baseados en carbono para captar a luz e xerar electricidade. A súa fabricación promete ser máis económica e con menor impacto ambiental, pero lograr unha produción eficiente a grande escala segue sendo un reto.
A Cidade das TIC acolleu hoxe a constitución do Consello de Administración da súa sociedade xestora, conformada pola UDC e o Concello da Coruña. Con esta formalización dáse un paso máis no impulso a este órgano encargado de promover e dinamizar o proxecto da Cidade das TIC. Este Consello está integrado inicialmente por sete persoas (catro por parte do Concello e tres por parte da Universidade), con opción de ampliarse ata un máximo de 12.
Kip Thorne, Premio Nobel de Física 2017 'polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais' será o vindeiro convidado do Programa ConCiencia, dirixido polo catedrático da USC, Jorge Mira Pérez. Thorne, que visitará a USC no mes de maio, especializouse no estudo de buracos negros e estrelas de neutróns, e explorou a estrutura do espazo-tempo interesándose na posibilidade de realizar viaxes no tempo mediante buracos de verme.
Con máis de 400 propostas presentadas desde 39 países, a última convocatoria EIC Transition do Consello Europeo de Innovación foi a máis concorrida. Entre as 40 propostas finalmente seleccionadas atópase MEDiCS, un proxecto liderado polo profesor José Luis Mascareñas que se centrará no desenvolvemento clínico dun novo axente anticancro. O CiQUS suma así o seu segundo proxecto deste tipo e sitúa a USC como a única española, xunto a Pompeu Fabra, que foi beneficiaria dúas veces deste programa.
Unha comunidade educativa colaboradora. Así definen o proxecto Polos en Marcha, as investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñería Industrial que forman parte desta iniciativa, un traballo co que se tratan de achegar a tecnoloxía de impresión 3D e o interese polas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas) ás cativas e cativos de educación infantil e primaria.
O proxecto EMBRedES+ botou a andar en 2023, coordinado polo Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, co obxectivo de consolidar e fortalecer o funcionamento do nodo español de European Marin Biological Resource Centre (EMBRC-ES), ao que pertencen a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM; a Estación Mariña de Plentzia (PiE), dependente da Universidade do País Vasco; e o Banco Español de Algas (BEA- ULPGC).