
O sistema proposto ten un impacto significativo ao ofrecer a Brasil a autonomía estratéxica na recompilación e almacenamento de datos, algo fundamental para mellorar a capacidade de resposta ante posibles catástrofes naturais e para preservar a biodiversidade, tendo en conta que actualmente Brasil depende en gran medida de terceiros para acceder aos datos necesarios para monitorear a seu vasto territorio, o que xera desafíos en termos de control e resposta ante situacións críticas, explica o catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicación e responsable do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da UVigo, Fernando Aguado.
Desde a súa chegada á Universidade de Vigo en agosto de 2024 para realizar unha estadía, o docente e investigador da Universidade de Brasilía Renato Borges impulsou o desenvolvemento dunha innovadora plataforma satelital tipo FlatSat, en colaboración co Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial e a empresa Alén Space, que integra varios do seus produtos como o Triskel, un ordenador de a bordo que tamén actúa como sistema de control de telemetría, e dous radios definidos por software TOTEM, a base sobre a que se desenvolve a carga útil, un sistema IoT (Internet das cousas) de monitoraxe ambiental, que permitirá recompilar os datos da selva amazónica e o Cerrado, achegando a información precisa para xestionar e conservar este ecosistema vital, explica Borges, recoñecido como un dos investigadores con maior influencia no campo da enxeñaría espacial en Brasil.
Neste intre, os investigadores están a traballar na configuración dos requisitos e análise da misión, o concepto de operacións e o orzamento para os distintos subsistemas, utilizando o FlatSat como plataforma de probas, unha fase que será crucial para definir con maior precisión os obxectivos da misión e establecer as bases para a súa implementación futura.
Un proxecto clave na loita contra o cambio climático
O sistema desenvolvido coa plataforma FlatSat, axudará a cambiar a dependencia que actualmente ten Brasil de terceiros á hora de dispoñer de datos precisos para monitorizar o seu territorio, permitíndolle xestionar de xeito independente a monitoraxe e recompilación de información ambiental, facilitando así intervencións máis rápidas e precisas en caso de emerxencia. Ademais, este sistema integrarase no proxecto Perception, desenvolvido por Brasil, que procesará este datos e emitirá ordes para intervir de xeito eficiente en áreas onde a vexetación e o clima estean fóra de control, ademais de achegar unha base de datos estruturada para investigacións científicas, xestión pública e toma de decisións, detalla Renato Borges.
Ademais de permitir unha resposta máis áxil ante catástrofes, a monitoraxe ambiental que ofrece a plataforma desenvolvida en Vigo, tamén achegará unha análise máis profunda da biodiversidade, o que contribuirá a implementar estratexias máis efectivas para protexer os biomas brasileiros e contribuír aos esforzos globais contra o cambio climático. Neste contexto, a misión do futuro satélite Perceive, que actualmente se atopa na fase de revisión preliminar do deseño (PDR), perfílase como unha peza clave deste esforzo conxunto. A misión ampliará e mellorará as capacidades de monitoraxe utilizando esta plataforma e, agárdase, que xogue un papel esencial na protección do medio ambiente, detalla Manuel Diz, investigador do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da UVigo.
Avances froito da colaboración
Os socios do proxecto coinciden á hora de sinalar que o traballo conxunto é fundamental á hora de consolidar os avances e neste sentido, Fernando Aguado incide en que esta colaboración non só impulsou o desenvolvemento de novas tecnoloxías, senón que tamén permitiu un intercambio enriquecedor de coñecementos e experiencias. Aguado lembra que con anterioridade a este proxecto, a UVigo xa colaborara con Renato Borges nos satélite CubeSat HumSat-D e Serpens, no ano 2013 e en AlfaCrux en 2022, con adestramentos para o equipo de Brasil.
Borges, membro do Departamento de Enxeñaría Eléctrica da Universidade de Brasília, participou este xoves, xunto ao docente e responsable do programa espacial de pequenos satélites da Norwegian University of Science and Tecnology (NTNU, Roger Birkeland, nun seminario organizado atlanTTic no que trasladaron, ao persoal investigador do centro, as súas experiencias e avances sobre a carreira espacial nas súas respectivas universidades. Roger que realiza este mes de abril unha estadía na UVigo, está a compartir as súas experiencias sobre os desenvolvementos actuais e futuros da NTNU, en especial sobre os avances nos sistemas de comunicación satelital e nas misións Hypso I e Hypso II, que foron claves no estudo dos fiordes noruegueses. Na Escola de Enxeñaría Aeroespacial protagonizou un seminario sobre a carreira espacial na NTNU, destacando os desenvolvementos actuais en comunicacións satelitais, incluíndo o futuro sistema GNSSR, que se prevé mellorará aínda máis a conectividade e precisión dos satélites.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.