
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, compartiu hoxe con outras comunidades o Proxecto Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, a iniciativa na que a Xunta e as universidades galegas traballan para conseguir a presenza do galego nas contornas dixitais. Fíxoo durante a xornada Transición Dixital Multilingüe na Nova economía da Lingua organizada pola Sociedade Española de Procesamento da Linguaxe Natural (SEPLN) co apoio do Departamento de Cultura e Política Lingüística do Goberno Vasco e do HiTZ, Centro Vasco de Tecnoloxía da Lingua.
O representante da Xunta de Galicia participou na sección Presentación das iniciativas públicas onde sinalou que os obxectivos clave deste proxecto, que acaba de entrar na súa segunda fase de desenvolvemento cunha inxección de máis de 600.000 euros, consisten en situar o galego na vangarda das tecnoloxías lingüísticas. Para iso desenvólvense os recursos e as ferramentas para o procesamento automático do galego e elabóranse demostradores que permitan visibilizar as posibilidades dos recursos, facilitando a elaboración de aplicacións e creando un ecosistema galego innovador, explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
A maior promoción do galego
O Proxecto Nós é unha iniciativa estratéxica impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M, o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia.
Previsto para levarse a cabo en catro anos, este mes entrou na súa segunda fase de execución, na que se sacarán adiante seis dos oito subproxectos nos que se divide, centrados na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística
O obxectivo final polo que traballan os diferentes expertos do ámbito da lingua e da tecnoloxía é permitirlle á cidadanía galega interactuar con asistentes de voz, contar coa subtitulación automática de contidos audiovisuais, cun apoio ao diagnóstico médico, con servizos de teleasistencia avanzada e coa tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outras accións, na nosa lingua.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.