Notas de prensa

A sociedade da Cidade das TIC dá un paso máis coa constitución do seu Consello de Administración

A Cidade das TIC acolleu hoxe a constitución do Consello de Administración da súa sociedade xestora, conformada pola UDC e o Concello da Coruña. Con esta formalización dáse un paso máis no impulso a este órgano encargado de promover e dinamizar o proxecto da Cidade das TIC. Este Consello está integrado inicialmente por sete persoas (catro por parte do Concello e tres por parte da Universidade), con opción de ampliarse ata un máximo de 12.

O primeiro presidente deste órgano é o reitor da UDC, que desempeñará o cargo durante todo o exercicio do ano 2025. Un posto que, a partir de 2026, recaerá na persoa titular da Alcaldía do Concello da Coruña. Os cargos serán non retribuídos e a sociedade non realizará pagamentos por ningún concepto ás persoas que os ostenten.

A Universidade da Coruña está representada neste consello polo reitor, Ricardo Cao; pola secretaria Xeral da UDC, Marta García, e polo vicerreitor de Investigación e Transferencia, Jerónimo Puertas.

Pola súa banda, a representación do Concello da Coruña recae nas seguintes persoas: José Manuel Lage, concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica; Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade; Emma Cid, directora de Área de Gabinete da Alcaldía; e Manuel Ángel Jove, director da Área de Administración Xeral.

Serán facultades do Consello de Administración, entre outros aspectos, a dirección e xestión dos negocios da sociedade de xestión da CdTIC e a toma de decisións de actuacións para a consecución dos obxectivos do dito órgano, que son a promoción e o impulso do proxecto Cidade das TIC.

Ponse así en marcha un novo instrumento de xestión para avanzar na consecución de novas iniciativas dentro deste proxecto estratéxico. En palabras do reitor, Ricardo Cao, nestes últimos meses, “vimos como se inaugurou o plató virtual CEI, aprobouse a cesión a Pedralonga Estudios, para a construción de dous platós físicos que complementarán os anteriores e aos que onte mesmo o Concello concedeu a licenza”. “Temos que seguir por ese camiño con novos proxectos no eido TIC e audiovisual e para iso estamos a traballar coas diferentes administracións co obxectivo de acadar investimentos e novas actuacións que permitan que este ambicioso proxecto siga medrando”, engadiu.

A universidade contará con voto de calidade naqueles acordos que teñan carácter ou implicación académica ou científica.

Universidade da Coruña (UDC), 2025-04-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES