Notas de prensa

Investigadores de Vigo e León patentan un sistema para a detección precoz de problemas de equilibrio en persoas maiores

A Oficina Española de Patentes e Marcas concedeu ás universidades de Vigo e León a patente dun sistema de avaliación do equilibrio dinámico e do risco de caídas durante a marcha. Esta innovación é froito das investigacións desenvolvidas por José Luis García Soidán e Vicente Romo, do grupo de investigación Hi10 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da UVigo, xunto con Raquel Leirós e José Alberto Benítez, da Universidad de León.

Este sistema baséase no uso dun acelerómetro, un dispositivo que mide as aceleracións do centro de gravidade do corpo, conectado a unha unidade de procesamento de datos cunha arquitectura de algoritmos que interpreta os datos xerados por este dispositivo, permitindo, explican os seus responsables, “detectar precozmente” a existencia dun “deterioro no control postural” que incrementaría o risco de sufrir unha caída.

O sistema recollido nesta patente parte da ausencia de ferramentas de “avaliación precoz” do equilibrio “que sexan sensibles aos pequenos cambios no funcionamento dos sistemas de control postural”, sinala o equipo responsable deste traballo. Neste punto, García Soidán apunta que as probas de “equilibrio estático” que se levan a cabo nunha contorna clínica, aínda que posibilitan identificar limitacións no control postural, non permiten anticiparse para detectar “que unha persoa está en risco” de padecer problemas de deterioro de equilibrio. “Con esta ferramenta, fomos capaces de resolver este problema”, engade o investigador, que lembra que o risco de caídas increméntase coa idade, de tal xeito que, segundo a OMS, estímase que o 35% das persoas maiores de 65 anos e o 65% das maiores de 80 sufrirán, cando menos, unha caída ao ano.

Resultado de anos de traballo

Esta patente é resultado dunha liña de traballo impulsada hai preto dunha década polo grupo de investigación Hi10, na que se insire a tese de doutoramento realizada na Universidade de Vigo por Leirós, punto de partida deste sistema. Nese senso, García Soidán lembra que o traballo desenvolvido implicou en primeiro termo estudar cal sería o punto exacto da zona lumbar no que o acelerómetro se situaría “no centro de gravidade do suxeito”, para logo traballar na identificación e interpretación dos datos que permiten detectar “precozmente pequenos cambios provocados polo proceso de envellecemento”.

Concretamente, o sistema recollido nesta patente abrangue un conxunto de algoritmos que procesan os sinais capturados polo acelerómetro nos eixes vertical, medio-lateral e antero-posterior, durante a realización dunha proba consistente en percorrer varias veces unha distancia de dez metros. “A unidade de procesamento de datos está configurada para determinar a existencia dunha alteración do equilibrio dinámico que xera risco de caídas durante a marcha”, explican, cando se alcanzan os limiares fixados nas variables que o equipo investigador identificou como “representativas do equilibrio durante a marcha”. Para iso, lembra García Soidán, realizáronse previamente un conxunto de medicións con persoas con e sen “algún tipo de patoloxía de desequilibrio”, o que permitiu “determinar cales son os valores mínimos onde comeza o risco”.

Nesa mesma liña, Raquel Leirós destaca que "se os valores de aceleración rexistrados indican que o control postural da persoa é insuficiente ou que hai certo risco de caídas, o sistema detectaría que efectivamente hai unha alteración no equilibrio, ou sexa, tería capacidade diagnóstica, de forma incluso preditiva, de que pode suceder unha caída en certa persoa". Isto faría posible, engade a profesora da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidad de León, idenficar persoas "con maior risco de caídas, permitindo tratalas de forma preventiva e máis eficiente e vai permitir diagnosticar de maneira sinxela e precisa na contorna clínica o risco de caídas mentres unha persoa anda, empregando tecnoloxía portátil dun custo relativamente accesible".

Da detección á prevención

Como lembra o equipo investigador, “a idade é un dos principais factores de risco de caídas”, o que sumado ao envellecemento da fan que este sistema supoña unha “mellora substancial”, á hora de abordar posibles problemas de dependencia. “Se temos ferramentas que a detecten con antelación, podemos previla ou alongar dalgunha forma ese período de independencia”, subliña Romo. Nese senso, esa detección precoz dun deterioro do equilibrio permitiría realizar unha avaliación do suxeito, coa que identificar aquelas áreas nas que sofren unha perda de forza e definir un programa de actividade física, orientado a que a persoa afectada “poida realizar as súas actividades da vida diaria de forma independente”.

De aí que sinalen tamén os múltiples “ámbitos de utilidade” deste sistema que, como lembra García Soidán, podería empregarse tanto en medicina e nas ciencias da actividade física e do deporte, como en enfermaría, podoloxía, fisioterapia, neuroloxía ou ortopedia. Nese senso, os investigadores recoñecen o “interese no mundo empresarial” por este sistema, motivado en boa medida “polo envellecemento da poboación”, como destaca Romo, en comunidades como Galicia, “nas que unha de cada catro persoas ten máis de 65 anos”.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-04-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES