Notas de prensa

O Premio Nobel de Física 2017 Kip Thorne visitará a USC en maio no marco do Programa ConCiencia

Kip Thorne, Premio Nobel de Física 2017 'polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais' será o vindeiro convidado do Programa ConCiencia, dirixido polo catedrático da USC, Jorge Mira Pérez. Thorne, que visitará a USC no mes de maio, especializouse no estudo de buracos negros e estrelas de neutróns, e explorou a estrutura do espazo-tempo interesándose na posibilidade de realizar viaxes no tempo mediante buracos de verme.

Durante décadas formou a xeracións de físicos e traballou xunto a figuras clave como Stephen Hawking e Roger Penrose (Premios Fonseca nos anos 2008 e 2011, respectivamente). Ademais, nos últimos anos mantivo unha estreita colaboración co cineasta Chistopher Nolan, a quen brindou asesoramento científico nalgúns dos seus títulos máis emblemáticos como é o caso dos filmes Interstellar (2014) ou Oppenheimer (2023).

Kip Thorne naceu en Logan, Utah (Estados Unidos), en 1940. Graduouse en física no Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e realizou o doutoramento en Princeton, en 1965, baixo a dirección de John Archibald Wheeler, o gran pioneiro da Relatividade Xeral tras a morte de Albert Einstein. Ao completalo regresou a Caltech, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira académica.

Proxecto LIGO

Unha consecuencia da Relatividade Xeral é a existencia de ondas gravitacionais: vibracións do espazo-tempo que se producen cando obxectos masivos se aceleran. Os efectos son tan pequenos que a súa observación foi imposible durante un século. Recoñecido mundialmente polas súas achegas á Relatividade Xeral e á astrofísica, Kip Thorne foi un dos fundadores nos anos 70 do proxecto LIGO (acrónimo en inglés de ‘Observatorio de ondas gravitacionais por interferometría láser’), que permitiu por primeira vez a detección directa de ondas gravitacionais en setembro de 2015. Tratouse dun fito histórico que confirmou a predición realizada polo propio Einstein en 1916 e abriu unha nova xanela á exploración do cosmos: desde entón puidéronse observar máis de 100 fusións de buracos negros a centos de millóns de anos luz.

No detector LIGO utilízase tecnoloxía láser —cuxa xénese foi tamén obra de Einstein en 1917— para medir os pequenos cambios de lonxitude causados polas ondas gravitacionais en dous “brazos” de catro quilómetros de longo —as deformacións observadas son inferiores ao tamaño dun protón—. Thorne realizou contribucións cruciais ao desenvolvemento do detector. Por iso compartiu o Nobel de Física con Rainer Weiss e Barry Barish.

Divulgador

Autor de libros de referencia na formación académica da física, Kip Thorne destaca tamén polo seu papel como divulgador, con colaboracións con artistas, músicos ou cineastas, ou con libros como Buracos Negros e Tempo Curvo: o escandaloso legado de Einstein. Foi asesor científico e produtor executivo da película Interestelar en 2014, así como do libro divulgativo realizado sobre esta película. A súa participación asegurou un tratamento preciso de fenómenos como os buracos negros rotantes e a dilatación temporal, dando lugar a investigacións científicas orixinais.

Tal e como salienta o Programa ConCiencia, “Thorne é un pensador audaz, aberto a explorar as fronteiras entre a ciencia establecida e a especulación fundamentada, sempre dentro do marco da Relatividade Xeral”. Na súa carreira logrou algo inusual: unir a ciencia de vangarda, coa pedagoxía accesible e a colaboración interdisciplinaria, sen perder o compromiso co rigor. “A través das súas investigacións, libros e contribucións á arte, ampliou a nosa comprensión do universo e inspirou a millóns de persoas a mirar as estrelas con ollos científicos e curiosos”.

Proxección pública da ciencia

O programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago, céntrase na proxección pública da ciencia e, dende 2006, trouxo a Compostela máis dunha trintena de premios Nobel. Este programa de divulgación científica procura non só a proxección de Santiago como foco universal do pensamento, senón que tamén serve de ponte para o reforzamento de contactos científicos entre líderes da máxima relevancia e o corpo de persoal investigador da USC.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-03-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES