
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron esta mañá na presentación da terceira edición de Dancingalicia, o campionato multidisciplinar de danza que se celebrará o vindeiro 8 de marzo no Auditorio Afundación de Pontevedra.
Durante o acto, os representantes autonómicos destacaron a importancia de apoiar iniciativas culturais que fomenten o talento novo e contribúan á dinamización cultural e económica do territorio. O evento reunirá a arredor de 1.200 participantes procedentes de distintos puntos do país, consolidando o crecemento sostido do campionato, que nas edicións anteriores contou con 900 bailaríns e preto de 1.000 asistentes.
Dancingalicia está aberto a grupos, solistas, dúos e tríos a partir dos 4 anos e abrangue diferentes disciplinas, entre elas a danza clásica ballet clásico, neoclásico e repertorio, lírica danza contemporánea, lírica e jazz lírico, fusión que integra estilos como jazz, show-dance e baile moderno e acro, modalidade na que predominan os elementos acrobáticos dentro da composición coreográfica.
O delegado territorial puxo en valor o carácter familiar e integrador do campionato, que atrae tanto a público local e autonómico como a escolas e profesionais da danza, converténdose nun punto de encontro para o sector. Pola súa banda, o director xeral de Cultura salientou que este tipo de iniciativas contribúen a fortalecer a cultura da danza en Galicia, ofrecendo unha plataforma de exhibición e promoción para coreógrafos e bailaríns, ao tempo que xeran novas oportunidades de formación.
A organización prevé que a edición de 2026 supere as cifras de participación e asistencia de anos anteriores, reforzando o posicionamento de Pontevedra como escenario de grandes eventos culturais e artísticos.
Dancingalicia promove a creatividade, o talento e a paixón pola danza, ofrecendo ademais bolsas de formación en conservatorios profesionais e escolas de prestixio, co obxectivo de impulsar o desenvolvemento artístico dos participantes e fomentar a colaboración entre o tecido empresarial e o sector cultural.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.