
De feito, no Plan galego de investigación e innovación 25-27, a cuántica aparece como unha tecnoloxía habilitadora, que vén sumarse a outras como a supercomputación, a intelixencia artificial ou a análise masiva de datos, para resolver problemas industriais complexos, atraer talento altamente cualificado e xerar novas oportunidades económicas. En palabras da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a computación cuántica non será unha solución absoluta e, en moitos casos, obterá a súa máxima potencia combinada coa supercomputación ou a IA, e en Galicia contamos con todos eses elementos.
En canto aos sectores que poderán beneficiarse desta tecnoloxía, Carmen Cotelo sinalou que está aberta a todos os sectores produtivos e que o acceso a estas infraestruturas dependerá do perfil de usuario: os grupos de investigación poden experimentar, formar persoal e desenvolver algoritmos, mentres que as empresas xogarán un papel moi relevante na identificación de problemas complexos e retos industriais nos que avaliar a aplicación da computación cuántica como chave para poder resolvelos.
Por último, a directora apuntou que Galicia non só quere aplicar estas tecnoloxías para resolver problemas científicos ou empresarias, senón contribuír ao seu desenvolvemento máis experimental enriquecendo o talento, o coñecemento e ampliando o tipo de empresas que poden participar no proceso. En definitiva, que Galicia teña consolidado no prazo de cinco a dez anos unha posición destacada no marco europeo tanto polo seu papel no desenvolvemento destas tecnoloxías como na súa aplicación práctica e impacto relevante, engadiu.
Aposta estratéxica polas tecnoloxías cuánticas
Galicia leva apostando por estas tecnoloxías disruptivas desde 2020. No 2021 presentouse o Polo galego de tecnoloxías cuánticas, como unha estrutura para articular o ecosistema galego vencellado a estas tecnoloxías e conectar universidade, centros tecnolóxicos e empresas e comezar a traballar en aplicacións reais. Posteriormente, no 2023, constituíse a Rede galega de tecnoloxías cuánticas, para establecer unha estrutura de gobernanza do Polo. Nese mesmo ano, Galicia instalou no Cesga o primeiro computador cuántico de España, o Qmio de 32 cúbits, que no 2024, se abriu aos usuarios. Finalmente, en decembro pasado formalizouse a adquisición a Telefónica dun segundo computador cuántico de 54 cúbits, financiado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do Perte Chip, que vén reforzar as infraestruturas cuánticas do Cesga.
Galicia no Mobile World Congress
A representante do Goberno galego tamén visitou as empresas galegas que contan con presenza na feira no stand de España: a empresa coruñesa Cinfo, especializada en intelixencia artificial, tecnoloxía de vídeo e TV a través de internet, e a empresa de telecomunicacións porriñesa Quobis. Ademais, as startups nacidas do programa Ignicia, Edge continuum, especializada en transformar infraestrutura privada en experiencia de nube, e Serenia Solutions, centrada en HealthTech basada en IA dedicada a transformar a atención ás persoas maiores, tamén contan con stand no 4YFN, o evento centrado en startups que se celebra simultaneamente ao MWC.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.