
O congreso está dirixido a persoal investigador en etapas iniciais, doutorandas e doutorandos, persoas recentemente doutoradas e profesionais do ámbito industrial que desexen presentar resultados ou debater novas liñas de traballo. Con Dcetip 2026 queremos crear un espazo aberto e dinámico no que o persoal investigador que inicia a súa carreira poida presentar os seus avances, aprender de referentes consolidados e establecer conexións que impulsen novos proxectos. Para Cintecx e para a Universidade de Vigo este congreso supón unha oportunidade para fortalecer a colaboración científica e promover a transferencia de coñecemento en ámbitos estratéxicos para o noso futuro, destaca Ángeles Sanromán, directora do centro.
A organización subliña que o encontro busca favorecer a presentación e discusión de investigacións nun entorno estimulante, ademais de promover o contacto entre quen comeza a súa traxectoria académica e o persoal sénior con experiencia consolidada. Esta interacción aspira a xerar sinerxías, abrir oportunidades de colaboración e contribuír á transferencia de coñecemento cara aos sectores produtivos.
Seis áreas temáticas e ampla presenza internacional
O programa científico articúlase en seis áreas temáticas que abranguen desde solucións enerxéticas innovadoras ata tecnoloxías avanzadas aplicadas a procesos industriais, con cabida para aproximacións experimentais e computacionais orientadas á aplicación industrial.
O programa de Dcetip 2026 contará con figuras de referencia internacional cuxas intervencións achegarán unha visión actualizada dos avances máis relevantes nos ámbitos da enerxía, das tecnoloxías avanzadas e dos procesos industriais. Entre os principais poñentes xa confirmados atópanse Carmelo D'Agostino, da Universidade de Lund; Gherhardt Ribatski, da Universidade de São Paulo; Vítor Monteiro, do Centro Algorith da Universidade do Minho; Sergi García-Segura, da Arizona State University; e Ana Leite Oliveira, investigadora do CBQF Centre for Biotechnology and Fine Chemistry, da Escola Superior de Biotecnoloxía da Universidade Católica Portuguesa. As súas achegas reforzan a orientación internacional do encontro e subliñan o compromiso de Cintecx con atraer talento científico de primeiro nivel.
Envío de resumos ata o 10 de marzo
A preparación desta primeira edición está sendo coordinada polo comité organizador de Dcetip 2026, formado por persoal investigador e de apoio á investigación das distintas áreas e grupos que conforman Cintecx. Baixo a coordinación de Ángeles Sanromán Braga e Alejandro Gómez Yepes, directora e subdirector do centro, respectivamente, este equipo multidisciplinario garante unha planificación coherente coas necesidades científicas do congreso e unha visión representativa do amplo abano de especializacións presentes no centro.
O prazo para enviar resumos permanecerá aberto ata o 10 de marzo a través da web oficial, mentres que a inscrición temperá poderá realizarse ata o 5 de xuño.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.