Noticias

O investimento en tecnoloxía das empresas galegas crece máis dun 19 % nun ano

O tecido empresarial galego investiu en 2021 un total de 545 millóns de euros en tecnoloxía, 88 millóns de euros máis que o ano anterior, o que representa un incremento porcentual do dun 19,4 %. As microempresas destinaron a maior parte do seu orzamento TIC a bens tecnolóxicos mentres o investimento principal das empresas de 10 ou máis empregados destinouse a servizos e consultas tecnolóxicas. Son parte dos datos recollidos no informe 'Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia', publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco do convenio de colaboración, asinado entre a Axencia, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o INE.

A implantación das tecnoloxías disruptivas increméntase no tecido empresarial galego así o 26,4 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados emprega dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de IoT (o Internet das cousas). Nas microempresas, o uso desta tecnoloxía (9,1 %) e supera a media estatal (8,1 %).

Galicia supera a media estatal no uso da intelixencia artificial. O 7,6 % das microempresas galegas utilizan IA, 4 puntos por riba da media estatal (3,5 %) e o 10,2 % das empresas de 10 ou máis empregados utilizan esta tecnoloxía, 2 puntos por encima da media do conxunto do Estado.

No 2021 increméntase lixeiramente a porcentaxe de empresas que analizan Big Data en Galicia. O maior incremento rexístrase entre as empresas galegas de 10 ou máis asalariados, onde acada o 13,8 %, 2,7 puntos porcentuais máis que a media estatal .

A compra de servizos de Cloud Computing aumentou nun 66,6 % nas empresas de 0 a 9 asalariados, acadando o 12,3 % e superando a media estatal (10,2 %). No caso das grandes empresas, unha de cada tres comprou este servizo e o seu crecemento foi do 8,5 %.

Ciberseguridade

O uso das medidas de ciberseguridade están máis estendidas nas grandes empresas que entre as microempresas galegas. Se ben, cabe salientar que nas microempresas se rexistra un crecemento de máis do 30 % dende o ano 2018, acadando o 54,4 % en 2021. Entre as empresas de 10 ou máis traballadores este indicador sitúase no 92,3 %, un 8,2 % máis respecto ao ano 2018.

As medidas de seguridade TIC empregadas con maior frecuencia polas empresas galegas de maior tamaño son a dispoñibilidade do Software actualizado e ter unha copia de seguridade de datos. No caso das microempresas, obsérvase que a medida máis estendida é a dispoñibilidade de Software actualizado, seguido da autenticación mediante contrasinal forte.

Talento Dixital

No último ano, un 21,9 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados conta con perfís TIC entre o seu persoal, superando a media estatal (16,4 %) en 5,5 puntos porcentuais.

Das empresas galegas de 10 ou más empregados que contan con perfís dixitais, un 52,3 % emprega mulleres especialistas TIC e, no caso das microempresas, a porcentaxe sitúase no 41,7 %, ambos valores son superiores ás medias estatais (34,5 % e 26,1 % respectivamente).

Ademais, cabe salientar que o 53,6 % das empresas de 10 ou máis traballadores empregan o teletraballo.

Comercio electrónico e presenza en Internet

No ano 2021, a porcentaxe de empresas galegas de 10 ou máis asalariados que posúen páxina web acada o 80,5 % e sitúase tamén por riba da media estatal (78,3 %). Tamén segue a consolidarse a dispoñibilidade de páxina web entre as microempresas galegas e xa está no 28,3 %.

O uso de medios sociais con fins empresariais segue a súa liña de ascenso. O 40,3 % microempresas galegas ten presenza nas redes sociais, aumentando un 22,5 % no último ano e superando a media estatal (36,3 %). Entre as empresas galegas de 10 ou máis traballadores o incremento foi dun 1,2 % ata acadar o 67,8 % e superando tamén a media estatal (66,6 %).

O 9,4 % das microempresas galegas vende a través da Rede, cifra similar á media estatal. No caso das empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia, a porcentaxe elévase ao 24,2 %, un 10 % más que o ano anterior.

Conectividade

A práctica totalidade das empresas de 10 ou máis traballadores/as teñen contratado Internet. Entre as microempresas galegas incrementouse a contratación de Internet nun 2,7 % no último ano, acadando unha porcentaxe do 80,7 % en 2021.

Increméntanse notablemente a porcentaxe de empresas galegas que dispoñen de velocidade de conexión a Internet de máis de 100Mbps. Nas microempresas increméntase nun 12,7 % e pasan neste último ano do 54,3 % ao 61,2 %. Para as empresas de 10 e máis empregados/as, o incremento foi do 5,2 %, pasando do 63,7 % no ano 2020 ao 67 % no ano 2021.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

R., 2022-05-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES