Noticias

O programa de libro dixital E-Dixgal chegará o vindeiro curso a 600 centros educativos galegos

O número de centros participantes no programa de libro dixital E-Dixgal elevarase o vindeiro curso a 600, ao abeiro da incorporación de 55 novos centros a esta iniciativa. Dos 55 novos centros en E-Dixgal que se poñen en marcha coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 43 incorporan o programa na etapa de Primaria, 10 en ESO e 2 en Primaria e ESO á vez. Ademais, un centro que xa contaba co programa en Primaria incorpórao para o curso que vén en 1º de ESO. Da totalidade de centros E-Dixgal o 94% son públicos. Por provincias, 216 deles están na da Coruña, 98 na de Lugo, 54 na de Ourense e 232 na de Pontevedra.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, visitou hoxe os expositores dos 23 centros educativos participantes nos obradoiros do I Congreso de Innovación Educativa e Dixital, DixInnova 2022. No seu percorrido pola feira, o titular do departamento de ensino do Goberno galego anunciou que o número de centros participantes no programa de libro dixital da Xunta, E-Dixgal, se elevará o vindeiro curso a 600, ao abeiro da incorporación de 55 novos centros a esta iniciativa. “Deste xeito agardamos acadar os 60.000 alumnos estudando con libro electrónico de balde nas aulas galegas”, destacou.

O conselleiro, acompañado polo secretario xeral de Educación e Formación Profesional, José Luis Mira, sinalou que dos 55 novos centros en E-Dixgal que se poñen en marcha coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, 43 incorporan o programa na etapa de Primaria, 10 en ESO e 2 en Primaria e ESO á vez. Ademais, un centro que xa contaba co programa en Primaria incorpórao para o curso que vén en 1º de ESO.

Da totalidade de centros E-Dixgal o 94% son públicos. Por provincias, 216 deles están na da Coruña, 98 na de Lugo, 54 na de Ourense e 232 na de Pontevedra.

Seis cursos consecutivos

Tal e como explicou Román Rodríguez, “o ano pasado ampliouse este programa a 3º e 4º de ESO, o que permite que o alumnado poida estudar con este sistema durante seis cursos consecutivos”. “O curso 2022/23 traerá novidades, especialmente no referido aos contidos dispoñibles para o proxecto”, indicou.

Neste sentido, está en proceso a licitación de recursos editoriais adicionais para 3º e 4º da ESO. Así mesmo, amplíase o catálogo da contorna virtual Dixit, que xa conta con 37 contidos innovadores a disposición da comunidade educativa.

“Desde a súa posta en marcha no curso 2014/2015, este programa evolucionou e gañou peso, pasando de ser un proxecto experimental a converterse nunha iniciativa de referencia que beneficia a case a metade do alumnado de 5º de Primaria a 4º de ESO”, salientou o conselleiro.

Equipamento e recursos

Os centros e aulas Abalar contan cunha conexión de datos con velocidade nominal mínima de baixada de 100 Mbps e contan cun kit de aula dixital composto por pizarra dixital interactiva, proxector e equipo no posto do profesor e conexión á rede de datos do centro. Ademais, cada alumno conta cun ordenador ultraportátil en réxime de préstamo para o seu uso.

Os participantes no proxecto poden acceder a unha plataforma de Entorno Virtual de Aprendizaxe na que están dispoñibles tanto contidos editoriais diversos para as diferentes etapas como o repositorio de contidos do espazoAbalar que actualmente supera os 1674 recursos. A Xunta continúa traballando na ampliación deste material.

Experiencias innovadoras

Durante o seu percorrido polos 23 expositores de Dixinnova 2022, Román Rodríguez tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo do alumnado coas novas tecnoloxías arredor do espazo virtual, a robótica ou a impresión 3D.

Entre os proxectos que o alumnado e os seus docentes están a presentar no marco do congreso, o conselleiro en funcións puido comprobar o funcionamento dunha bicicleta intelixente para a mellora da seguridade viaria, dun brazo robótico, de simuladores de voo e soldadura, así como dun escape room con realidade aumentada, dunha cidade sostible no metaverso e dunha ruta ciclista virtual.

Así mesmo, nos expositores pode contemplarse un xogo elaborado polos estudantes arredor do corpo humano e os hábitos de vida saudable, participar nun taller de drons, así como en dúas iniciativas de radio e televisión innovadoras na escola, entre outros proxectos.

O titular do departamento educativo da Xunta felicitou a profesorado e alumnado por estes traballos e sinalou a importancia deste tipo de iniciativas para avanzar na consecución das prioridades estratéxicas da Estratexia de Educación Dixital 2030, “que pasan por fomentar o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital”, dixo.

R., 2022-05-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES